Aser Álvarez reivindica "o compromiso social" de Celso Emilio no acto de entrega do premio Carracedo de Xornalismo 2013

Compartir

  • O xornalista recibiu o galardón, que outorga a Deputación de Ourense, polo seu documental "100% CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro", destacando a innovación no tratamento informativo, ao conxugar elementos informativos con técnicas e narrativa cinematográfica.
  • Manuel Baltar destacou no Día Internacional da Liberdade de Prensa "a importancia do pluralismo para a tolerancia e a convivencia democráticas", e cualificou ao xornalismo como "un dos piares esenciais do noso estado de Dereito".

O xornalista ourensán Aser Álvarez recibiu hoxe no Salón de Plenos do Pazo Provincial o galardón que o acredita como gañador da edición 2013 do premio de xornalismo "Xosé Aurelio Carracedo", dotado con 3.000 euros, un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido nun accidente de tráfico.

Aser Álvarez, cuxo traballo foi premiado por unanimidade polo xurado, dixo sentirse moi agradecido porque máis ca un premio "é un recoñecemento á traxectoria vital de Celso Emilio Ferreiro e a súa maneira de entender a vida, coa palabra "social" en maiúsculas". Aser Álvarez fixo extensivo o ser galardón a súa familia e a todo o equipo que traballou para facer realidade "esta mestura entre información, historia e literatura", que deu en converterse no sólido e atraínte traballo documental que hoxe foi premiado.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que hoxe, que conmemoramos o Día Internacional da Liberdade de Prensa "temos que destacar sinaladamente a importancia que ten o pluralismo para a tolerancia e a convivencia democráticas", e cualificou ao xornalismo como "un dos piares esenciais do noso estado social e democrático de Dereito"

O acto de entrega do premio contou coa presenza, ademais, do presidente e dos membros do xurado, e do sobriño e afillado do Xosé Aurelio Carracedo, Miguel Jiménez Carracedo, quen fixo un percorrido no seu discurso pola faciana máis humana de Xosé Aurelio Carracedo, destacando o seu amor por Ourense "e polas pequenas-grandes cousas que me ensinou con esa mirada especial con que só os xornalistas saben ollar a vida cotiá".

Aser Álvarez, en opinión do xurado, foi merecente do premio pola innovación no tratamento informativo que ofrece o documental, "xa que abre novas portas ao xornalismo ao conxugar elementos puramente informativos con técnicas e narrativa cinematográfica, o que contribúe a enriquecer a mensaxe".

Asemade o xurado subliñou que o traballo premiado "inclúe novos aspectos e enfoques da vida de Celso Emilio Ferreiro, alternando a destacados persoeiros coa "voz do pobo" e xente anónima, o que potencia o carácter didáctico do documental, sen ser academicista, e dirixido a todo público". Finalmente, o xurado destacou que o traballo "pon de manifesto aspectos fulcrais do Premio Carracedo como son a posta en valor da Ourensanía e da calidade informativa, premisa básica que sempre presidiu o labor profesional de Xosé Aurelio Carracedo".

Aser Álvarez é licenciado en Ciencias Políticas, ten un mestrado en xornalismo e é especialista en Comunicación Audiovisual. Actualmente desenvolve o seu labor profesional como director de Comunicación da Asociación de Empresarios de Hospedaxe e Restauración de Santiago de Compostela.