Asociacións de gaiteiros da provincia apoian a homenaxe mundial do "Gaiteiro da Catedral"
- Os representantes das agrupacións musicais coincidiron en destacar a fortaleza que supón "o carácter popular desta iniciativa, que une a figura musical máis importante de Ourense co acto solidario máis relevante en favor das vítimas do COVID-19".
Ourense, 19 de xuño de 2020.- "O Gaiteiro da Catedral", a homenaxe mundial permanente que están a organizar a Deputación de Ourense, o Bispado e a Catedral de Ourense, deu hoxe un paso fundamental ao contar co apoio unánime de asociación de gaiteiros e colectivos musicais e culturais da provincia de Ourense, que amosaron o seu respaldo a esta iniciativa solidaria que une música, cultura e confraternidade a prol das vítimas do COVID-19 e as súas familias.
Na reunión que mantiveron con estes colectivos o asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, e o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando Méndez, no centro cultural "Marcos Valcárcel", os representantes musicais e culturais coincidiron en destacar "a fortaleza coa que nace esta iniciativa polo que supón de carácter popular e achegamento co máis tradicional da nosa música, unindo a figura musical máis importante de Ourense co acto solidario máis relevante en favor das vítimas da pandemia".
Aurelio Gómez Villar agradeceu o apoio amosado por todos os colectivos e dixo que a participación "está aberta a todos os gaiteiros vencellados a agrupacións musicais, culturais e sociais da provincia de Ourense e fóra dela, porque se trata dunha iniciativa solidaria aberta ao mundo". Neste sentido, Fernando Méndez destacou a importancia de facer partícipes a todos os gaiteiros "dun acontecemento histórico que terá lugar os 365 días do ano e cuxo nobre obxectivo será o de unir música e solidariedade no marco incomparable da Catedral de Ourense e ao redor da nosa figura senlleira: o gaiteiro".
Entre as propostas por parte das asociación destacaron o feito de abrir a participación aos grupos de gaiteiros da emigración ourensá e galega, pertencentes a colectivos espallados por todo o mundo, e tamén o protagonismo do mozos, combinado coa experiencia dos gaiteiros máis veteranos, para entre todos facer deste evento a manifestación musical máis grande e perdurable no tempo.
Está previsto que nos vindeiros días se ultimen os preparativos para o acto inaugural desta cerimonia, que terá lugar proximamente, e que fará realidade que cada día, ás 11.30 horas (data na que a OMS declarou a pandemia: o 11 de marzo de 2020), desde a torre da Catedral de Ourense un gaiteiro ou una gaiteira toque desde alí unha melodía que se converterá en referente da solidariedade mundial, como expresaron días pasados o impulsor desta iniciativa, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, trala visita á catedral para supervisar os traballos preparatorios que se están levando a cabo.
O acto, que cada día terá una duración de 2 minutos está aberto á participación de agrupacións folclóricas da provincia de Ourense e gaiteiros de Ourense, do resto de Galicia, de España e internacionais, para manter diariamente e no tempo esta homenaxe á unión, fortaleza, o sacrificio e o traballo colaborativo das persoas e os pobos, en favor da solidariedade demostrada durante a pandemia do COVID-19.