Axudas a clubs deportivos de Ourense por importe de 150.000 euros
A xunta de goberno da Deputación de Ourense resolveu hoxe a convocatoria de axudas 2012 para clubs, asociacións, escolas e sociedades deportivas.
Tamén resolveu a convocatoria de Bolsas Internacionais, das que serán beneficiarios 44 titulados universitarios.
A xunta de goberno da Deputación de Ourense resolveu hoxe a convocatoria para a concesión de axudas 2012 para clubs deportivos. O importe total das axudas ascende a 150.000 euros que se repartirán entre 76 clubs, asociacións, escolas e sociedades deportivas da provincia de Ourense. O obxectivo destas axudas é contribuír dende a institución provincial ao fomento de actividades deportivas na provincia de Ourense, principalmente para o desenvolvemento de eventos e competicións onde o deporte de base e a práctica do deporte en nenos e mozos é finalidade máis destacada.
Por outra banda, a xunta de goberno resolveu tamén a convocatoria para a concesión de bolsas internacionais da Deputación de Ourense, no marco do Programa Europeo Leonardo da Vinci para o ano 2012, das que serán beneficiarios 44 titulados universitarios. As Bolsas Internacionais 2012 inclúen estancias e prácticas laborais en empresas europeas, cuxo obxectivo é apoiar aos participantes nas actividades de formación para a adquisición de coñecementos, e competencias que complementen o seu desenvolvemento persoal e profesional. A finalidade do programa tamén é facilitar a mobilidade dos traballadores en Europa, promovendo a realización de prácticas innovadoras e a súa transferencia entre os países participantes, fomentando así a perfeccionamento de linguas estranxeiras.