As axudas da Deputación de Ourense para entidades que promovan iniciativas sociais ascenden este ano a 140.000 euros

Compartir

A Deputación de Ourense ven de facer público hoxe a liña de axudas económicas que irán destinadas a entidades que promovan iniciativas sociais. Así o recollen as bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións para proxectos de prestación de servizos sociais para o ano 2012, publicadas no Boletín Oficial da Provincial.

En total serán 140.000 euros que irán destinados a entidades de iniciativa social que realicen proxectos de prestación de servizos sociais na provincia de Ourense. Poderán obter subvención como beneficiarias as entidades de iniciativa social legalmente constituídas, que realicen de maneira habitual proxectos e actividades de prestación de servizos sociais e que dispoñan dunha sede ou delegación na provincia de Ourense, cumprindo todos e cada un dos seguintes requisitos:

-Que a prestación se dirixa a calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias de servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas, que por razóns obxectivas de índole económica, de saúde ou pola concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais, sufran especiais dificultades respecto da xeneralidade da poboación e precisen dun tratamento específico para o acceso ó goce pleno dos dereitos de contido económico, laboral e social recoñecidos no ordenamento xurídico.

-Que os ditos servizos sexan prestados de xeito altruísta e desinteresado, sen ánimo de lucro.

-Que as devanditas entidades de iniciativa social estean inscritas, con anterioridade á data de finalización do prazo de solicitude, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

-No caso de centros ou servizos sociais especializados, será requisito imprescindible dispor da correspondente autorización da Xunta para a súa creación e/ou inicio de actividades, con anterioridade á data de finalización do prazo de solicitude, se é o caso.

-Que as entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias esixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Que, no suposto de ter recibido con anterioridade subvencións desta Deputación, non existan incumprimentos das obrigas derivadas da súa concesión.

As axudas concedidas poderán ter unha contía máxima de ata 10.000 euros para cada beneficiario. Por conseguinte, no suposto en que sexa obxecto de subvención máis dun proxecto dun mesmo beneficiario, o importe conxunto das subvencións concedidas non poderá exceder do devandito límite. O prazo improrrogable de presentación será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia.

Para máis información:

https://bop.depourense.es/portal/