Baltar: "As administracións hai que xestionalas como a casa de cada un: con aforro e eficiencia"
O presidente da Deputación de Ourense defendeu hoxe en Madrid nun ciclo de conferencias sobre "Política local e rexional" o modelo "dunha administración, unha competencia e un financiamento".
Xunto aos alcaldes de Burgos e Algeciras dixo que para afrontar a crise no ámbito máis achegado ao cidadán "é imprescindible a máxima cooperación entre as administracións local e provincial".
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe en Madrid que as administracións "hai que xestionalas como a casa de cada un: con aforro e eficiencia, sen duplicidade de gastos e mirando con lupa os presupostos e o seu resultado nos cidadáns". Así o expresou no ciclo de conferencias sobre "Política local e rexional" do colexio maior Elías Ahúja, adscrito á Universidade Complutense de Madrid, no que participou xunto aos alcalde de Burgos, Javier Lacalle, e Algaciras, José Ignacio Landaluce.
nuel Baltar afirmou que para afrontar a crise no ámbito máis achegado aos cidadáns, é dicir, dende os municipios e as provincias "hoxe máis ca nunca é imprescindible que exista a máxima cooperación entre as administracións local e provincial, para propiciar actuacións conxuntas que permitan reducir custes e xestionar mellor e con máis eficiencia os servizos básicos que necesitan os cidadáns, xunto con outros que aportan competitividade económica na comarca onde residen".
Baltar defendeu que o reforzamento desta cooperación "permitirá chegar máis e mellor aos problemas e carencias que teñen principalmente as persoas que residen en pequenos municipios e núcleos de poboación", e presento como exemplo a iniciativa OURENSE 92, o plan de estratexia operativa 2012-2015 que está desenvolver a Deputación de Ourense precisamente con accións encamiñadas a potenciar a colaboración cos municipios en materias como o medio ambiente, a economía, as infraestruturas e os servizos, o turismo, a cultura e o deporte.
O presidente provincial defendeu o papel das deputacións e reclamou "unha triple reforma para que gañen en proximidade ao cidadán e sexan máis operativas", reformas que pasarían polo sistema de elección, polo ámbito competencial e polo financiamento.
Asemade lembrou a súa proposta de que o goberno provincial sexa elixido directamente polos cidadáns. "Hai que falar de política provincial, facer campaña electoral provincial, e con candidaturas para dirixir ese goberno encabezadas polo aspirante a presidilo. Só cumpriría poñer dúas urnas na mesa electoral: unha para elixir aos representantes no goberno local e outra para elixir ao goberno da provincia", explicou Manuel Baltar.
A reforma das deputacións provinciais pasa –segundo Manuel Baltar- por convertelas en "asembleas de elección directa", utilizando como circunscrición electoral a provincia, como xa se fai nas eleccións autonómicas e nacionais. "A provincia, isto é, seus cidadáns, constituídos como corpo electoral, deben poder elixir directamente aos seus representantes, como fan noutras convocatorias".