Baltar afirma que a medalla de ouro do Círculo de Empresarios de Galicia a Emilio Pérez Nieto "é de pleno merecemento empresarial"
- O presidente da Deputación de Ourense participou esta tarde en Vigo no acto conmemorativo do XXVI aniversario desta entidade empresarial, destacando o seu papel ao longo de máis de dúas décadas "a prol do desenvolvemento e o benestar socio-económico de Galicia".
Ourense, 23 de novembro de 2018.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde en Vigo no acto conmemorativo do XXVI aniversario do Círculo de Empresarios de Galicia, celebración na que o empresario ourensán Emilio Pérez Nieto, presidente de honra de "Pérez Rumbao", foi distinguido coa medalla de ouro desta entidade", un recoñecemento que Baltar cualificou de "pleno merecemento empresarial, por toda unha traxectoria profesional crendo en Ourense e dedicada a facer provincia".
O presidente do goberno provincial dixo que a figura de Emilio Pérez Nieto "vai unida aos mellores valores que representan o emprendemento, a competitividade, o sacrificio e os éxitos nun sector, como o automobilístico, que require de constante actualización tecnolóxica e grande competitividade no mercado". Baltar remarca: "Grazas a el e a todo equipo humano que ao longo das décadas integraron "Pérez Rumbao" Ourense ocupa un lugar destacado neste sector de actividade; é unha mostra exemplar de ilusión, traballo e excelentes resultados empresariais".
O acto contou coa presenza de duascentas persoas, entre empresarios, executivos e representantes institucionais como o presidente da Xunta de Galiia, Alberto Núñez Feijóo; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o conselleiro de Medio Rural, José González; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e a presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García, entre outras autoridades.
Emilio Pérez Nieto presidiu entre 1964 e 2012 o grupo familiar "Pérez Rumbao", dedicado á xestión de concesionarios de turismos e vehículos industriais, sendo a matriz dunha trintena de empresas con 1.500 traballadores e unha facturación de 380 millóns de euros.
O Círculo de Empresarios de Galicia conmemorou así os vinte e seis anos de actividade, revalorizando o seu papel como parte activa da sociedade, "contribuíndo ao desenvolvemento e ao benestar socio-económico de Galicia, unha labor na que colaboramos desde a Deputación de Ourense coa alianza que mantén a institución provincial con esta entidade empresarial para realizar iniciativas nos ámbitos do emprendemento, a internacionalización e o networking", afirma Manuel Baltar, engadindo que o obxectivo destas liñas de traballo son "xerar sinerxias empresariais e institucionais entre os territorios que abranguen as súas competencias para favorecer a captación de investimentos e xerar riqueza e emprego".
Este colectivo empresarial tense destacado ao longo destas décadas polo seu impulso da cultura empresarial e emprendedora, e pola defensa do que supón no ámbito económico a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como o fomento do intercambio de experiencias e a difusión de análises socio-económicos por medio de foros sectoriais. Unha das súas principais liñas de traballo é tamén a cooperación empresarial para o acceso a novas oportunidades de negocio.