Baltar analiza co presidente de Sogarpo liñas de cooperación para favorecer o acceso ao financiamento de proxectos empresariais
Ourense, 16 de decembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao presidente da Sociedade de Garantía Reciproca (Sogarpo), Artur Yuste, con quen analizou posibles liñas de colaboración futura entre ámbalas dúas entidades, relativas a facilitar e mellorar o acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas de Ourense. Sogarpo, que conta como socios coas deputacións de Ourense e Pontevedra, a Xunta de Galicia, as cámaras de comercio, asociacións empresariais e entidades financeiras, ten como obxectivo desde a súa creación, hai preto de 40 anos, favorecer o acceso ao financiamento para Pemes por medio da concesión de avais e garantías ás empresas integradas en Sogarpo.
Neste sentido, o presidente do goberno provincial destacou a colaboración que a Deputación de Ourense vén desenvolvendo no ámbito empresarial, citando como exemplos o traballo que leva a cabo en proxectos conxuntos coa Confederación Empresarial de Ourense, a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao ou o Círculo de Empresarios de Galicia, así como con entidades comarcais e locais vencelladas ao mundo empresarial e ao emprendemento na provincia de Ourense, e coa posta en marcha de proxectos como EmpregOU, de apoio á mocidade para crear e desenvolver iniciativas empresariais no rural.
Pola súa banda, Sogarpo, co apoio a 476 proxectos de negocios impulsados por case 300 pemes, autónomos e emprendedores, inxectou máis de 45 millóns ao sector empresarial de Galicia, segundo datos desta entidade, que se traducen en máis de 5.000 empregos directos, o que supón un incremento do 18,8%, e no que se refire ao emprego asociado a cifra ascende a 15.906 postos de traballo, 200 máis que fai un ano.