Baltar analiza en Lobios os proxectos de infraestruturas, medio ambiente e deportes que realiza a Deputación en colaboración co concello

Compartir

  • Xunto coa alcaldesa, María del Carmen Yáñez, e co presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, visitou tamén as obras de restauración do río Caldo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe o Concello de Lobios para coñecer en detalle os proxectos nos ámbitos das infraestruturas, o medio ambiente e o deporte que a institución provincial está a executar no municipio, e estudar a posibilidade de iniciar outros con cargo os orzamentos de 2014. Asemade, acompañado pola alcaldesa, María del Carmen Yáñez, e polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, Manuel Baltar visitou os traballos de restauración das marxes do río Caldo, que se están executando tralos danos causados polas chuvias do pasado inverno. Para este mesmo lugar, a Deputación de Ourense está a redactar un proxecto de mellora do entorno do balneario.

Esta é a segunda visita nun mes que o presidente provincial realiza co presidente da CHMS a dous enclaves estratéxicos para o turismo termal na provincia de Ourense –Baños de Molgas e Lobios-, cos que está a colaborar a Deputación por medio do seu programa de "Termalismo Saudable". Visitas que teñen como obxectivo mellorar e restaurar entornos balnearios e fluviais que sufriron danos causados polas intensas chuvias do inverno.

Nas obras de río Caldo a CHMS inviste a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente un total de 60.000 euros. O obxectivo das mesmas é mellorar a capacidade de desagüe dos tramos fluviais nos que existe risco de que se produzan desbordamentos no caso de fortes chuvias.

No río Caldo estase a proceder á retirada e eliminación dos elementos que obstaculizan o cauce, e se realizarán actuacións de protección e restauración de ámbalas dúas marxes do río, co fin de reducir o risco de inundacións.