Baltar considera de "xustiza financeira" que o Goberno atenda as súas débedas cos concellos
- O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe en Madrid na primeira reunión do mandato 2019-2023 da Xunta de Goberno da FEMP.
- Afirma que o feito de que o Goberno "estea en funcións non significa que non funcione"; "un país non pode parar por culpa da ineficacia política dalgúns, pois, precisamente, a política con maiúsculas faise xestionando e solucionando os problemas das persoas e das súas administracións, sinaladamente, a local".
Ourense, 26 de novembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Madrid na primeira reunión da Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) do mandato 2019-2023, xuntanza na que foi nomeado membro do pleno da Comisión Nacional de Administración Local (CNAL). Ao remate da reunión, na que se analizaron temas de economía local, Baltar defendeu que o Goberno "ten que atender coa máxima celeridade e sen escusas os problemas relativos ás facendas municipais, porque é de "xustiza financeira" que o executivo asuma compromisos e datas concretas para arranxar este grave problema económico que padecen os concellos".
O presidente da Deputación de Ourense expresou que o feito de que o Goberno "estea en funcións non significa que non funcione"; "un país non pode parar por culpa da ineficacia política dalgúns, pois, precisamente, a política con maiúsculas faise xestionando e solucionando os problemas das persoas e das súas administracións, sinaladamente, a local, que é a máis próxima aos veciños", afirmou.
Sobre un aspecto importante que afecta directamente á cidadanía, Manuel Baltar defendeu que se esixa e se clarifique "que vai pasar co imposto de plusvalías que, no caso de transferencia de inmobles ten un efecto completamente confiscatorio e inxusto para os cidadáns", polo que pide que esta circunstancia "debe estar clara e perfectamente regulada".