Baltar defende que os concellos con centrais hidroeléctricas reciban os beneficios que lles corresponden

Compartir

A Deputación de Ourense, a única de Galicia que pertence á Federación nacional de municipios con encoros, organizou hoxe unha xornada para explicar aos alcaldes aspectos técnicos e económicos e xurídicos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe que os concellos que contan con centrais hidroeléctricas teñen dereito a recibir os beneficios que lles corresponden por ter no seu territorio estas infraestruturas, "e cantos máis sexamos, mellor poderemos negociar e defender os intereses municipais, porque esta é unha maneira máis de financiar os gobernos locais".

Así o afirmou Baltar na xornada informativa que organizo a Deputación de Ourense no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" para dar conta aos alcaldes dos municipios con encoros das últimas novidades no que atinxe a financiamento e aspectos técnicos, económicos e xurídicos, que contou coa presenza de Francisco Sánchez e Javier Gonzalo, coordinador e asesor xurídico da federación, respectivamente.

Manuel Baltar, que é presidente da Asociación de municipios con centrais hidroeléctricas en Ourense e membro da comisión executiva nacional, explicou que as empresas hidroeléctricas "xeran unha serie de beneficios económicos que teñen que reverter nos concellos e, por extensión, nos seus cidadáns", e neste senso, engadiu que a Federación nacional de municipios con encoros "abre unha importante porta para a cooperación, porque desa asociación dos concellos nace unha fortaleza que lles permitirá negociar mellor as condicións para que se recoñezan os dereitos que teñen os concellos que contan con este tipo de infraestruturas hidráulicas".

A Federación nacional de asociacións e municipios con centrais hidroeléctricas e encoros agrupa a un milleiro de concellos de España –unha oitava parte do total-, e ten como obxectivo avanzar nas melloras medioambientais, económicas, de seguridade e de desenvolvemento social das comarcas onde están situadas presas e embalses.

Na provincia de Ourense son 43 os concellos afectados por presas e encoros, e deles, 19 contan con centrais hidroeléctricas, sendo 23 o total de presas e encoros na provincia de Ourense.

A Federación de asociacións de concellos con encoros e centrais hidroeléctricas ven traballando dende hai anos –fundouse en marzo de 1995- na defensa dos intereses destes concellos fronte ás grandes multinacionais e empresas hidroeléctricas. O seu labor céntrase principalmente en axudar aos pequenos concellos que teñen carencias en materia de asesoramento xurídico e xestión fiscal. Dende a súa creación, a federación ten conseguido importantes aportes económicos para estes municipios tanto coa xestión directa diante das hidroeléctricas como diante da administración do Estado.

Manuel Baltar defende políticas medioambientais "que sexan especialmente activas e dinámicas nos pequenos concellos do rural, porque a riqueza e a competitividade destes municipios pasa por potenciar accións sostibles e por desenvolver iniciativas en clave ecolóxica e de protección do medio natural". O presidente provincial afirma que unha provincia como Ourense, caracterizada polo seu potencial hidroeléctrico "debe ser membro activo da Federación de encoros, para colaborar con ela e formar parte da actividade institucional da federación, caracterizada polo asesoramento aos concellos e o desenvolvemento de programas que contribúan a dar solución aos problemas comúns as asociacións e concellos que integran este ente".