Baltar desbloquea unha débeda dun millón de euros que o FSE tiña coa Deputación de Ourense dende 2010
- Os fondos que ven de recuperar o goberno provincial corresponden ás execucións do Programa Operativo de Adaptabilidade e Emprego do Fondo Social Europeo 2007-2013.
- O presidente da Deputación de Ourense afirma que hai que "pensar en clave intermunicipal", compartir servizos entre os concellos, "pero contando para elo co financiamento que nos corresponde a cada administración".
As xestións que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, está a facer para reducir a débeda que outras administracións teñen coa institución provincial fixeron posible desbloquear unha importante partida de case que un millón de euros (990.965,22 euros) que o Fondo Social Europeo adebedaba dende 2010 á Deputación de Ourense, correspondente ás execucións do Programa Operativo de Adaptabilidade e Emprego do FSE, do marco comunitario 2007-2013.
Dende que en febreiro do ano pasado Manuel Baltar tomara posesión como presidente do goberno provincial, unha das liñas da súa xestión incardínase na xestión da débeda que outras administracións teñen contraída coa Deputación de Ourense, para tentar achegar vías de acordo que permitan atopar solucións que fagan posible o retorno deses fondos ás arcas da institución provincial.
Neste senso, nos últimos meses, Baltar intensificou as devanditas xestións en diferentes ámbitos institucionais para coñecer a situación na que se atopaba o expediente deste programa europeo, así como as causas que motivaban esta notable demora nos aprazamentos do pago. Ante iso, foi informado de que Bruxelas, ata comezos deste ano, non había librado á Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) -autoridade nacional responsable do pago- os fondos correspondentes.
Os 990.965,22 euros aboados esta semana á Deputación de Ourense polo Fondo Social Europeo correspóndense con accións desenvolvidas no ano 2010, referidas a execucións do Programa Operativo de Adaptabilidade e Emprego do FSE 2007-2013. Estes gastos deben ser asumidos, primeiramente, polas entidades locais beneficiarias dos proxectos adiantando os fondos para, posteriormente, xustificalos por medio da correspondente certificación á Autoridade de Pago. Desta maneira, o importe que agora ven de recibir a Deputación de Ourense correspóndese cunha certificación xa presentada no mencionado exercicio.
O presidente da Deputación de Ourense marcouse como un dos obxectivos principais da súa xestión ao fronte do goberno provincial o redimensionamento do ente e potenciar os servizos e a cooperación cos concellos.
Precisamente a "fusión de servizos" anunciada no seu momento por Manuel Baltar no marco do Plan OURENSE 92 "é un instrumento que nos permite facer máis con menos. É un reto, pero tamén unha oportunidade. Desta maneira -afirma Baltar- imos ser máis eficientes a pesares de contar con menos recursos, e a para iso non hai outra estratexia que aforrar, planificar, priorizar e levar a cabo accións focalizadas exclusivamente nas principais necesidades dos concellos e dos cidadáns".
Manuel Baltar considera que non se trata de poñer en marcha "grandes e custosos proxectos", senón que hai que "redimensionar estruturas" e "pensar máis en clave intermunicipal", "compartir servizos entre os concellos, pero contando para elo co financiamento que nos corresponde a cada administración".