Baltar destaca a "paixón por Ourense que sentía José Manuel Pérez Canal"

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense salientou no acto de clausura da asemblea xeral da CEO "a unánime a opinión que temos de José Manuel Pérez Canal no ámbito humano e empresarial, unha persoa que pensaba e actuaba en clave de Ourense".

Ourense, 9 de maio de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou esta tarde, no acto de clausura da asemblea xeral da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), celebrada no auditorio de Afundación en Ourense, "a paixón por Ourense que sentía José Manuel Pérez Canal", a quen se lle rendeu unha sentida homenaxe, salientado "a unánime a opinión que temos del no ámbito humano e empresarial, unha persoa que pensaba e actuaba en clave de Ourense", dixo Baltar.

O presidente do goberno provincial puxo de relevo a "alianza estratéxica que desenvolvemos a Deputación de Ourense e a CEO, unha cooperación que se mantén no tempo e que se incrementará no futuro", e lembrou a colaboración levada a cabo en temas como o programa "Exportou" de apoio á internacionalización de empresas de Ourense; as misións comerciais USA-Ourense, acollidas por José Manuel Pérez Canal con verdadeiro entusiasmo, e tamén se referiu ao Centro Galego de Innovación na Formación Profesional, que terá a súa sede en Ourense.

Manuel Baltar dixo: "Os empresarios de Ourense son o motor da provincia, así o teñen demostrado ao longo dos anos con innumerables exemplos de tesón e sacrificio, e nesa liña seguiremos colaborando, porque as administracións temos esa obriga, e desde a Deputación continuaremos facendo Ourense ao seu carón, con auténtica paixón por esta terra".

O acto, que foi clausurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e ao que asistiu máis dun centenar de empresarios ourensáns e de familiares de José Manuel Pérez Canal, contou tamén coa participación do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o vicepresidente da CEO, José Manuel Díaz Barreiros, e Antonio Garamendi, presidente da CEOE.