Baltar destaca a "Termatalia" como "o centro de negocios internacional do termalismo, o gran referente no sector"

Compartir

  • No acto inaugural deste certame termal, celebrado hoxe en Expourense, o presidente da Deputación de Ourense fixo extensivo o seu agradecemento a expositores, visitantes, representantes institucionais, entidades públicas e privadas e a toda a gran familia de Termatalia, "pola súa presenza en Ourense. Benvidos, á provincia termal, o territorio con máis potencial termal de Europa, onde se realiza a única feira internacional de termalismo do mundo", expresou.

  • Termatalia, que chega á súa 19ª edición, conta este ano con 34 países representados e acolle a Bolsa de Contratación Turística, con 26 operadores de viaxes, procedentes de Alemaña, Brasil, Chile, España, Estados Unidos, Finlandia, Italia, Paraguai, Perú e Portugal.

Ourense, 19 de setembro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, salientou hoxe no acto de inauguración da 19ª edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, "o gran éxito non só de convocatoria senón como centro de negocios internacional no ámbito do termalismo, o gran referente no sector", dixo o presidente no seu discurso de benvida ás delegacións de todos os países presentes este ano en Termatalia, con especial referencia a Brasil, país convidado, que acolleu o ano pasado a edición de 2018 en Foz de Iguaçú, "un agradecemento que fago extensivo a expositores, visitantes, representantes institucionais, entidades públicas e privadas e a toda a gran familia de Termatalia, pola súa presenza. Benvidos a Ourense, á provincia termal, o territorio con máis potencial termal de Europa, onde se realiza a única feira internacional de termalismo do mundo", unha provincia de Ourense da que destacou a merecida excelencia da auga termal, "que é vida, saúde e benestar", expresou Manuel Baltar.

O acto inaugural contou ademais co presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e representantes dos países que participan no certame, un total de 34. Termatalia 2019 conta nesta edición con 269 expositores, xornalistas especializados e 26 touroperadores, con masiva presenza de América Latina e de Europa e incorporando tamén ao Norte de África e Asia-Pacífico. Estes datos, sumados á presenza de 67 relatores, posicionan ademais a Ourense como centro de formación profesional en materia de termalismo.

A feira, que se celebra hoxe e mañá en Expourense, pon o acento este ano na promoción turística, xestión de centros termais, balnearios, deseño e construción, desenvolvemento da industria termal, augas, dermoestética, formación ou asociacionismo, fomentando o intercambio de experiencias entre distintos continentes, desde un punto de vista empresarial, institucional e social, para obter unha perspectiva global do sector, co fin de impulsar o mercado estratéxico do turismo termal e de benestar.

As distintas accións profesionais converten á feira no centro de negocios internacional do sector, incluíndo distintas reunións profesionais entre touroperadores, importadores de augas, provedores e expositores. Neste contexto, a Bolsa de Contratación Turística desta edición conta con 26 operadores de viaxes, procedentes de Alemaña, Brasil, Chile, España, Estados Unidos, Finlandia, Italia, Paraguai, Perú e Portugal. A presenza destes maioristas compleméntase coa misión de prensa internacional especializada que reúne en Termatalia a 25 medios de comunicación de América Latina e Europa.