Baltar e Feijóo acordan que a Xunta aporte 1,2 millóns de euros para emprego e servizos sociais en Ourense
O executivo galego e a Deputación de Ourense asinarán un convenio que permitirá desenvolver iniciativas de emprego e servizos sociais nos concellos da provincia. Trala reunión mantida hoxe polos dous políticos en Santiago, o presidente da Xunta anunciou que a próxima semana presentarase en Ourense o proxecto do novo edificio do hospital, que suporá un investimento de 40 millóns de euros na súa primeira fase. Núñez Feijóo comprometeuse a que ao longo deste ano abrirase a autovía de Celanova, e que a Xunta fará "un esforzo especial" para achegar investimentos "á única provincia do interior de Galicia"
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acordaron hoxe a sinatura dun convenio de colaboración segundo o cal o executivo galego aportará máis de 1,2 millóns de euros para desenvolver iniciativas de emprego e servizos sociais nos concellos da provincia de Ourense que teñen menos de 20.000 habitantes, 91 dos 92 municipios (todos agás a capital ourensá).
Esta acordo de colaboración fixérono público conxuntamente Feijóo e Baltar na comparecencia ante os medios informativos posterior á reunión que mantiveron na Parlamento de Galicia, en Santiago, a primeira que manteñen oficialmente ámbolos dous presidentes desde que Manuel Baltar asumira a presidencia da Deputación de Ourense.
Durante hora e media Feijóo e Baltar falaron de servizos sociais, infraestruturas, turismo, cultura, e acordaron abrir a partires de hoxe "unha axenda de cooperación conxunta que permitirá potenciar a rendabilidade dos investimentos, evitar duplicidades e seguir incrementando a eficiencia", explicou Alberto Núñez Feijóo.
Manuel Baltar e Núñez Feijóo coincidiron en cualificar de "fructífero" este primeiro encontro, e o presidente da Deputación subliñou que esta nova fórmula de cooperación entre Xunta e Deputación "permitirá axilizar xestións e abrirá novas liñas de colaboración que se concretarán en "máis e mellores" investimentos para a provincia de Ourense. Logo de referirse á autovía de Celanova, á presentación do proxecto do Hospital 2050 e ao convenio que permitirá xerar emprego en Ourense, Manuel Baltar agradeceu ao presidente da Xunta a súa aposta polo "equilibro territorial" que merece a provincia de Ourense, "algo que hai que fortalecer día a día".
Pola súa banda, o presidente da Xunta anunciou tamén hoxe que esta "axenda de colaboración" estenderase ás catro deputacións galegas, e neste sentido convocará aos catro presidentes das institucións provinciais "para cumprir cunha vella aspiración: que Galicia poida dar un paso adiante na cooperación entre a Xunta e as deputacións provinciais".
Alberto Núñez dixo que a Xunta de Galicia fará un esforzo especial para achegar investimentos a Ourense, "a única provincia do interior", e lembrou que o executivo galego colaborará e apoiará aos emprendedores e ás empresas que queiran desenvolver en Ourense proxectos, "sempre que cumpran coa legalidade e aporten fondos propios aos proxectos", e no caso da estación de montaña de Manzaneda afirmou que a Xunta segue a realizar xestións de capitalización para que Manzaneda se converta nun gran polo de atracción turística.
Más información gráfica: