Baltar e Jácome visitan as instalacións que albergarán o edificio "Provincia Intelixente" e o "Centro de Intelixencia Artificial" de Ourense
- O presidente da Deputación e o alcalde de Ourense valoraron "moi positivamente" esta infraestrutura, situada en Finca Sevilla, que converterá a esta contorna nun polo de innovación, ao carón do que será o futuro Centro Galego de Innovación na FP e a poucos quilómetros da Tecópole.
- Será un gran centro de emprego tecnolóxico —Viewnext, do grupo IBM, comezará proximamente a desenvolver neste edificio o seu traballo— e estas instalacións tamén acollerán o inicio do proxecto do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense.
Ourense, 27 de xullo de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, visitaron hoxe as instalacións de Abanca que albergarán o edificio "Provincia Intelixente" e o "Centro de Intelixencia Artificial de Ourense", iniciativas que impulsa a Deputación e o Concello de Ourense, respectivamente.
Baltar destacou o excelente estado no que se atopa o inmoble "para acoller un gran centro de emprego tecnolóxico da provincia de Ourense, proxecto no que levamos anos traballando e que vai abrir as súas portas nos próximos meses; de feito a compañía IBM, a través da súa filia Viewnext está centralizando nestas instalacións os máis de 200 empregos tecnolóxicos cos que conta na provincia", e lembrou que, tal e como faláramos co alcalde na primeira entrevista de traballo, para o ambicioso proxecto do Centro de Intelixencia Artificial, puxémonos a disposición do Concello de Ourense para comezar, na superficie que estime oportuna, o embrión dese futuro centro tecnolóxico, e que convivan nesta infraestrutura, que no seu momento foi un referente no ámbito nacional, esa innovación na que cremos e ese grupo de científicos que poden converter a Ourense nun importante enclave en España e a nivel internacional, no que se refire a Intelixencia Artificial".
O feito de que este polo innovación se sitúe nas proximidades do que será o Centro Galego de Innovación na Formación Profesional e a poucos quilómetros da Tecnópole, "fará deste espazo unha infraestrutura de futuro e innovación onde Concello e Deputación podemos poñer en valor Ourense cidade e Ourense provincia", comentou Manuel Baltar.
Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome expresou "a grata sorpresa" que supón comprobar a calidade das instalacións, "porque como me dicía un dos técnicos, que agardamos lidere o proxecto de Intelixencia Artificial en Ourense, entrar aquí semella estar en Estados Unidos, porque a verdade é que é un edificio vangardista, a pesares de levar dúas décadas construído, e as súas instalacións están preparadas para comezar a funcionar xa".
O alcalde de Ourense sinalou que este "non será o edificio definitivo da Intelixencia Artificial en Ourense, que deberá ter as súas propias instalacións, pero para dar inicio ao proxecto pode ser o máis propicio". "Levamos unha moi boa impresión —afirmou Pérez Jácome— e imos ver se de aquí a uns meses estas instalacións acollen científicos traballando no futuro Centro de Intelixencia Artificial de Ourense", expresou.