Baltar presenta o "Plan Ourense 92" co que a Deputación prevé aforrar máis de 6 millóns de euros

Compartir

Os servizos sociais, o plan de obras a cooperación intermunicipal o "adelgazamento" da administración e a fusión de servizos entre concellos son os piares básicos do plan. Entre as medidas de restruturación figuran a disolución de UrbaOurense, que permitirá á Deputación gañar 2 millóns de euros en liquidez. O plan determina a renuncia por parte da Deputación da xestión directa do centro ecuestre e estuda a súa posible externalización, como tamén da Escola de Equitación, que seguirá mantendo a súa actividade a través da externalización.

Aforrar máis de 6 millóns de euros e prestar máis servizos potenciando a cooperación entre concellos, son os principais obxectivos do Plan de Xestión e Estratexia Operativa 2012-2015 da Deputación de Ourense, denominado "Plan OURENSE 92" -en referencia aos 92 municipios da provincia de Ourense- que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto ao que foron convocados os alcaldes, deputados provinciais e axentes económicos e sociais da provincia de Ourense.

Os eixes fundamentais do plan que a Deputación vai desenvolver entre xuño de 2012 e marzo de 2015 -34 meses, que son os que restan para as vindeiras eleccións municipais- son os servizos sociais, a cooperación intermunicipal, a realización de obras en todos os concellos, o "adelgazamento" da administración provincial e potenciar a fusión de servizos entre concellos para optimizar o gasto, unha medida esta última da que a Deputación de Ourense é pioneira pois leva 20 anos desenvolvendo iniciativas neste senso.

Manuel Baltar foi claro: "Faremos máis con menos. É un reto e unha oportunidade, porque imos demostrar que é posible facer unha xestión máis eficiente a pesares de contar con menos recursos, e a proba diso é que poremos en marcha 43 iniciativas e conseguiremos aforrar máis de 6 millóns de euros e gañaremos en liquidez outros 2 millóns de euros. A única estratexia para acadar isto é priorizar, planificar e realizar accións focalizadas exclusivamente nas principais necesidades dos nosos concellos e dos nosos cidadáns", explicou o presidente provincial, quen citou como exemplo os recortes pactados co personal, que permitirán un aforro de máis de 700.000 euros anuais.

Baltar dixo que non se trata de poñer en marcha "grandes e custosos proxectos", senón que é momento de "redimensionar estruturas e volcarnos na fusión de facto de concellos, é dicir, pensar en clave intermunicipal e compartir servizos entre os concellos".

Precisamente, no que atinxe á redimensión da estrutura administrativa, Baltar anunciou a disolución da sociedade urbanístca UrbaOurense, S.A. (en decembro deste ano), e que a Deputación de Ourense renunciará á xestión directa do centro ecuestre e estudarse a súa posible externalización. Tamén no que atinxe á Escola de Equitación, Baltar afirma que “seguirá mantendo a súa actividade”, para o cal se está estudando a súa posible externalización.

Asimesmo, o plan contempla a suspensión da actividade -aló menos durante o período 2013-2015- da Escola de Artes e Oficios e replantexarase a actividade das granxas da Deputación, coa creación dunha granxa escola en Armariz (setembro de 2014), e tamén se estudará a posta en marcha xunto con "Proxecto Home” dunha iniciativa de inserción socio-laboral (setembro 2014).

Nova estrutura administrativa

Manuel Baltar dixo que a Deputación de Ourense terá unha nova estrutura administrativa "máis axil e reducida para redimensionar os actuais servizos e gañar en operatividade". Así, haberá seis grandes áreas de xestión: Administración Xeral, Económica, Benestar, Medio Ambiente, Infraestruturas e Cultura e Deporte. Destas áreas dependerá toda a xestión técnica e administrativa da Deputación.

Pero se existe unha área de "alta prioridade", esa é a de Benestar. Manuel Baltar anunciou que no prazo dun mes a institución provincial aprobará o Plan Provincial de Servizos Sociais (denominado BenOurense) que é primeiro da historia da Deputación, "porque é un compromiso irrenunciable seguir atendendo aos nosos maiores e ás personas que o necesiten a través das prestacións dos servizos sociais nos concellos de Ourense, e por elo a Deputación asumirá ese custes incrementando, incluso nalgúns casos, as prestación aos usuarios".

No que atinxe a Área de Medio Ambiente, Manuel Baltar anunciou a posta en marcha da Rede de Concellos Sostibles e do Consorcio de Augas de Valdeorras (xullo 2012), iniciativas ás que seguirán dous plans de optimización enerxética municipal e da Deputación, a creación do Consorcio Provincial de Incendios, o Plan de cooperación contra incencios forestais e o Plan de Canceiras, ademais da posta enmarcha dun pioneiro sistema de control por GPS dos contedores de lixo, e anunciou tamén a externalización do servizo de recollida de lixo.

Manuel Baltar lembro que desde que o 14 abril anunciou a realización do plan operativo "foron numerosas as achegas de colectivos sociais, organizacións e mesmo de cidadáns que de xeito individual nos fixerons chegar as súas aportacións, algo que agradezo porque este é un plan de Ourense e para Ourense, co que queremos acadar unha mellor excelencia na xestión".

Central Provincial de Compras

A Área Económica experimentará tamén unha importante transformación, fortalecemento e mellora na xestión coa creación da Central Provincial de Compras e o Centro único de contratación (ambos en outubro 2012), o impulso do rexistro de provedores e contratistas (novembro 2012), a implementación da factura e da tramitación electrónica, e, como marco xeral, esta área márcase o 15% como obxectivo de redución do endebedamento.

A Área de Administración Xeral realizará en materia de persoal un plan de ordenación de recursos humanos, cunha nova RPT (xaneiro 2013), creará o Observatorio Económico Provincial (setembro 2012) e un Foro permanente para debater sobre o papel dos gobernos locais (xuño 2012) e implantará a e-administración (marzo 2013).

No que atinxe a Área de Infraestruturas como novidades figuran o Plan Provincial de Obras (aprobado precisamente no pleno da corporación celebrado onte), a elaboración dun inventario municipal de estradas e o estudo de velocidades nas estradas da rede provincial (que será presentado ao longo deste mes de xuño).

En Cultura e Deportes, a Deputación de Ourense coordinará todos os centros dependentes nesta materia e executará un plan provincial de acceso igualitario ao deporte "de tal maneira que non haberá diferenza entre concellos pequenos ou medianos para que os nenos e xóvenes poidan acceder á práctica deportiva", explica Manuel Baltar. Asemade, a Deputación seguirá apoiando a Ourense como Capital Europea da Cultura 2020.

Finalmente, Baltar anunciou "unha redefinición do Inorde" (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), do cal deixará de depender o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro –que pasa ao Servizo Agrogandeiro-, e porá en marcha un plan de axuda á internacionalización de empresas, enc olaboración cos parques empresariais de promoción pública. O Inorde tamén realizará un plan de "Emprendedores agrarios"para poñer á súa disposición terras para o cultivo, e deseñará unha estratexia para a dinamización turística e empresarial, en colaboración cos concellos (setembro 2012).

Manuel Baltar conclúe que o Plan OURENSE 92 "racionaliza á estrutura organizativa da Deputación e supón unha aposta pola simplificación, a eficiencia e a austeridade, xogando un papel vertebrador da provincia", suplindo a prestación de servizos municipais por parte dos concellos "con fórmulas como a concertación ou o consorcio, acadando así unha verdadeira fusión de facto".

Más información gráfica: