Baltar propón a elección directa dos presidentes das deputacións para "gañar en proximidade aos cidadáns"

Compartir

Na súa conferencia do Fórum Nueva Economía, plantexou "unha triple reforma das deputacións" que afectaría ao sistema de elección, ás competencias e ao financiamento.
"Nas eleccións locais debería haber outra urna para que os electores elixan directamente aos gobernos de cada provincia", afirma o titular da Deputación de Ourense.
A palabra que máis empregou no seu discurso foi "cooperación", afirmando que a verdadeira unión de concellos "pasa pola fusión de servizos", "porque estamos na era da intermunicipalidade, onde prima a eficacia na xestión"

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2012.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, protagonizou hoxe en Santiago o almorzo-coloquio do Fórum Nueva Economía, cunha intervención titulada “Novos tempos, novas deputacións”, na que foi presentado polo presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo.

Baltar defendeu o papel das deputacións e reclamou "unha triple reforma para que gañen en proximidade ao cidadán e sexan máis operativas", reformas que pasarían polo sistema de elección, polo ámbito competencial  e polo financiamento.

Salientou a constitucionalidade da provincia e do seu goberno e propuxo que este sexa elixido directamente polos cidadáns. “Hai que falar de política provincial, facer campaña electoral provincial, e con candidaturas para dirixir ese goberno encabezadas polo aspirante a presidilo. Só cumpriría poñer dúas urnas na mesa electoral: unha para elixir aos representantes no goberno local e outra para elixir ao goberno da provincia", dixo Manuel Baltar.

A reforma das deputacións provinciais pasa –segundo Baltar- por convertelas en "asembleas de elección directa", utilizando como circunscrición electoral a provincia (como xa se fai nas eleccións autonómicas e nacionais). "Non é de recibo que a provincia, isto é, seus cidadáns, constituídos como corpo electoral, non poidan elixir directamente aos seus representantes, como si fan noutras convocatorias".

 Reforma competencial

 Baltar avogou por unha reforma da Lei de Bases de Réxime Local "para configurar un listado de competencias das deputacións e evitar así duplicidades e solapamentos". O presidente da Deputación de Ourense entende que as deputacións teñen unha dobre función: a de cooperación e asistencia aos pequenos concellos e a defensa dos intereses provinciais como un todo.

 "As deputacións non poden limitarse a ser meros gobernos asistenciais dos concellos", afirma Baltar, "porque –engade- as provincias existen, os intereses provinciais existen e, polo tanto, deben existir competencias provinciais propias e substantivas, competencias que deben abranguer a totalidade dos servizos de interese local que, por razón das súas características, non poidan ser asumidos polos pequenos concellos rurais".

 Desta maneira, estes servizos pasarían a ser supramunicipais propios das deputacións, sen perxuízo de recoñecer aos concellos o dereito a unha participación cualificada na toma de decisións. "Estou pensando en servizos como a recollida de residuos, os servizos do ciclo hidráulico, os servizos sociais, a xestión e disciplina urbanística, o transporte escolar ou servizos de carácter medioambiental -na súa acepción máis ampla-, incluíndo a potestade normativa sobre ditos servizos e as competencias de policía administrativa e de fomento".

  

Financiamento local

 Manuel Baltar resumiu cunha frase o modelo que propón: "Unha administración, unha competencia, un financiamento", e reclamou, neste senso, a reforma do financiamento local xa anunciada polo goberno do Estado, porque entende que, na medida en que algunhas competencias municipais de pequenos concellos pasen ás deputacións, tamén deberán transferirse os medios financeiros -en concreto, os tributos locais correspondentes-. Por outra banda, defende que as deputacións deben participar nos tributos da súa comunidade autónoma: "Non se entende, por exemplo, que un cidadán de Ourense pague IRPF e IVA, que unha porcentaxe desa recadación vaia á Xunta de Galicia pero que nin un só euro retorne á súa deputación, máxime cando a administración autonómica descarga na deputación responsabilidades de competencia autonómica como a relativa aos asuntos sociais".

 "Con isto non invento nada novo –explica Baltar-, só lembro o que di o artigo 142 da Constitución: “As facendas locais deberán dispoñer dos medios suficientes para o desenvolvemento das funcións que a lei atribúe ás corporacións respectivas, e nutriranse fundamentalmente de tributos propios e de participación nos do Estado e nos das comunidades autónomas”.

 

 Plan 'Ourense 92'

 Manuel Baltar fixo fincapé no plan de estratexia e xestión operativa "Ourense 92" que presentou o pasado venres, e onde insiste na palabra que considera clave na era da intermunicipalidade: a COOPERACIÓN. Defendeu a “fusión de facto” dos servizos municipais, tendo en conta a positiva experiencia da Deputación de Ourense en eidos como a recollida de lixo, a recadación de tributos ou actuacións en materia hidráulica, e afondou no "respecto á identidade política dos concellos e dos seus veciños" diferenciando entre concello (o goberno representativo dos cidadáns) e municipio (a súa estructura administrativa, normalmente mínima e que debe ser reforzada polas deputacións para xestionar os seus intereses).

  

Democracia substantiva

 Tamén destacou o presidente ourensán as claves do que deu en chamar “democracia substantiva”, entendendo por tal concepto unha serie de reformas que permitan que o cidadán "se sinta mellor representado e que o seu voto teña máis valor, obrigando ás forzas políticas e aos candidatos a poñer todas as cartas boca arriba para saber previamente con quen pactaría e con quen non; en que circunstancias; a que puntos do programa electoral renunciaría nese caso; os nomes dos responsables das concellerías ou áreas de goberno… "Trátase de  substantivar a democracia pare que teña importancia por si soa".

Baltar lembrou tamén no seu discurso o traballo dos creadores do pensamento político galeguista, "cunha clara orixe en Ourense a través do Grupo Nós", e renovou o seu compromiso "de non fallar a eses principios, procurando o aggiornamento deses postulados".

Concluiu Manuel Baltar afirmando que o debate sobre o futuro inmediato das deputacións "está de máxima actualidade" e dixo ser "o primeiro interesado en debater sobre este tema porque os nosos cidadáns así o demandan e o necesitan". Por tal motivo, convidou a todos os asistentes á xornada que con ese obxectivo se celebrará en Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, o vindeiro 22 de xuño, onde será presentado tamén o "Libro Verde dos Gobernos Locais Intermedios", elaborado pola Fundación Democracia e Goberno Local -o think tank máis importante do municipalismo en España- do que forma parte a Deputación de Ourense xunto con outras 19 deputacións, consellos e cabildos insulares.