Baltar propón iniciativas para a posta en valor do convento de San Francisco do Castelo de Monterrei

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense anunciou estas medidas na presentación do libro La casa de Monterrey: de señorío gallego a grandeza de España, de Agustín Diéguez Delgado, editado pola Deputación de Ourense.

Ourense, 6 de agosto de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou hoxe propostas para a posta en valor, desde unha perspectiva cultural e turística, do convento de San Francisco do Castelo de Monterrei durante a presentación do libro La casa de Monterrey: de señorío gallego a grandeza de España de Agustín Diéguez Delgado, editado pola Deputación de Ourense. O acto, que tivo lugar no Castelo de Monterrei, tamén participaron o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez e o autor da publicación.

Baltar adiantou que, con fin de poñer en valor este atractivo patrimonial ourensá, estudiaranse "un gran abanico de posibilidades turísticas e culturais tamén vencelladas ao sector vitivinícola".

En canto ao libro, o presidente do goberno provincial felicitou ao autor da publicación por esta obra "de referencia no estudo da parte fundamental da nosa historia, esa que ten a un territorio como vínculo de unión, historia que temos que intentar coñecer, entender, valorar e amar".

Baltar agradeceu ao profesor Agustín Diéguez Delgado "este traballo de investigación que abrangue do século XIV ao XVIII, cando a Casa quedou definitivamente agregada á de Alba no 1733, resultando unha auténtica homenaxe para quen amamos a Historia" e lembrou que Monterrei é "o berce do primeiro libro impreso en Galicia, el Missale auriense, no ano 1493, cuxos dous exemplares se atopan no Museo Catedralicio de Ourense e na Biblioteca Nacional de España".

Na publicación, o autor analiza as orixes da Casa de Monterrei no contexto sociopolítico de España na Idade Media. Outro dos apartados do libro está dedicado aos factores externos de poder que fan que a Casa de Monterrei perdure, os seus títulos e brasóns pero tamén os seus castelos, palacios e fundacións. Asemade, a publicación inclúe mapas de propiedades en Galicia e Castela.