Baltar recibe ao xeólogo norteamericano Garry Karner, quen fai o Camiño de Santiago coas cinzas da súa dona

Compartir

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial a visita do prestixioso xeólogo norteamericano Garry Karner e do seu fillo, Stephen Karner, quen inician o Camiño de Santiago levando con eles as cinzas da súa dona e nai, respectivamente, Luiza Karner, falecida en xaneiro de 2012 logo de facer en oito ocasións o Camiño de Santiago.

"Este era o desexo dela", comentou Garry Karner, quen engadiu que ela quería que, aló menos nunha ocasión, puidésemos facer os tres o Camiño e agora farémolo realidade". Nesta xornada, previa ao inicio da súa peregrinaxe, Garry Karner explicoulle ao presidente provincial que pai e fillo cumprirán tamén a promesa de depositar as cinzas de Luiza en Fisterra, nun acto que contará coa presenza doutros peregrinos que coñeceron a Luiza nas súas últimas peregrinaxes a Compostela.

Para conmemorar as oito veces que Luiza fixo o Camiño de Santiago, Garry Karmer explicou a Manuel Baltar que en Houston (EEUU) vaise inaugurar unha exposición cunha selección das máis de 30.000 fotografías que Luiza fixo dende 1990, mostra que se exhibirá no marco da Semana de Galicia nesta cidade que está a organizar a empresa ourensá Go Galicia Worldwide Business en colaboración con Mas Branding.