Baltar salienta "a sensibilidade medioambiental" da mostra "Lume", do pintor Alexandro

Compartir

  • O presidente da Deputación de Ourense visitou en compañía do artista e do asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar, a mostra, que acolle o centro cultural "Marcos Valcárcel" ata o vindeiro 21 de abril.

Ourense, 24 de febreiro de 2019.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou a exposición "Lume" do pintor Alexandro (Ourense, 1945), que o centro cultural "Marcos Valcárcel" ofrece ao público ata o vindeiro 21 de abril. En compañía do artista e de Aurelio Gómez Villar, asesor de Cultura da Deputación, o presidente do goberno provincial percorreu a mostra, que exhibe trinta obras –de gran formato e debuxos- nas que o pintor plasma a súa visión dos incendios forestais en Galicia.

Manuel Baltar valorou a exposición como "unha das novas culturais máis importantes de Galicia, pois acollemos a un gran artista, unha persoa moi identificada con Ourense, que leva un tempo creando en Muxía, o que une á súa condición de traballador e creativo o da emigración, e sempre digo que os ourensáns somos: traballadores, creativos e emigrantes".

O presidente Baltar salienta que Alexandro "escollese a temática dos incendios forestais, baseando a súa mostra na crise do ano 2006, o que supón un canto á natureza, amosando un grande compoñente de sensibilidade medioambiental, todo elo exhibido por medio duns lenzos de alta categoría artística, que van ser admirados polo público que visite o centro cultural "Marcos Valcárcel", un espazo expositivo que cumpre, así, un dos obxectivos da súa creación: poñer a disposición dos ourensáns e dos nosos visitantes o talento de artistas tan sobranceiros como Alexandro", expresou Baltar.