A banda sonora de In Tempore Sueborum, obra da ourensá Mónica Rodríguez Lovelle
Ourense, 9 de xaneiro de 2018.- A doutora medievalista e compositora musical ourensá Mónica Rodríguez Lovelle é a autora da banda sonora da exposición In Tempore Sueborum, da Deputación de Ourense. A compositora ideou tres pezas, acordes cos contidos de cada unha das salas onde se exhibe esta importante mostra do mundo suevo.
No Centro Cultural "Marcos Valcárcel", para o capítulo da "Deconstrución dos bárbaros", Mónica Rodríguez creou a composición Barbari. A peza musical desta sala comeza co son de cornos de caza, que en palabras de Mónica Rodríguez, "recorda aos bárbaros". Logo hai unhos minutos que reflicten tensión, "percusións que imitan cabalos galopando e viento", para continuar con coros que aluden "aos hispanorromanos, infundindo medo ao descoñecido".
Ao entrar na igrexa de Santa María Nai soa Speculum, segunda composición desta especialista, coa que quere transmitir un cambio na transición do mundo romano ao medieval. Incide na espiritualidade, no paso do politeísmo ao monoteísmo.
E no Museo Municipal escóitase a composición In Tempore Sueborum, que, como sinala a doutora ourensá, "amosa a fusión de todo neste espacio, con potentes sons alusivos ao mundo romano".
As tres pezas musicais foron compostas e editadas dixitalmente e enriquecen a mostra máis importante de Europa sobre os suevos, unha exposición que fai un percorrido polo tempo dos suevos na Gallaecia (411-585) e que consta de 262 obxectos procedentes de 39 museos de 10 países: España, Portugal, Austria, República Checa, Hungría, Eslovaquia, Polonia, Bélxica, Francia, Alemaña.