O GRUPO PROVINCIAL DO BNG LEVA A PLENO UNHA PROPOSTA PARA REXEITAR O PROXECTO DUNHA CANTEIRA NO CONCELLO DE CASTRELO

Compartir

MOCIÓN A RESPECTO DA PROBLEMÁTICA XURDIDA CO PROXECTO DUNHA CANTEIRA NO CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO

O Consello da Xunta, cun goberno en funcións, ven de declarar a incidencia supramunicipal, o pasado 20 de setembro, do proxecto sectorial de actividades extractivas, o proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental da concesión de explotación Santa Lucía número 4875.1, no concello de Castrelo de Miño.

Desde o grupo provincial do BNG entendemos que ese acordo vulnera:

- As Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Provincial, que declara como espazo especialmente protexido esa zona das “Ribeiras do Miño”, tendo en conta que unha actividade extractiva non se pode ubicar en Espazo natural especialmente protexido.

- O acordo do Consello da Xunta as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Provincial así como as directrices marcadas ao Concello de Castrelo pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de 17 de marzo de 2009, establecidas no informe previo á aprobación inicial do seu PXOM.

- A declaración de interese público de carácter supramunicipal da actividade extractiva non se cingue a ningún dos supostos contemplados no artigo 22 da Lei 10/1995, de 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e artigo 4 do Decreto 80/2000, de 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, xa que, tanto polo volume de postos de traballo a xerar, como polas cifras de investimento do proxecto non se xustifica o seu carácter de supramunicipalidade, nin tan sequera afecta a varios termos municipais, negando que dita actividade puntual e anecdótica contribúa ao desenvolvemento económico de Galicia.

Tendo en conta ademais que dita actividade pon grave risco a principal actividade económica do concello de Castrelo de Miño, que é o maior produtor vitícola da Denominación de Orixe Ribeiro. A día de hoxe conta con máis de 900 viticultores que traballan máis de 500 Has de viñedo, 6 adegas industriais e 18 adegas de colleiteiro, que converten a vitivinicultura no principal e destacado motor económico deste municipio, cun volume de negocio medio superior aos 6.000.000 de euros anuais, e que esta actividade extractiva incompatible coa viticultura poría en grave risco, afectando á maior parte dos veciños deste Concello.

Tendo en conta que no pleno de Castrelo, ven de producirse un acordo unánime dos grupos en contra da canteira, e que remata o prazo para presentación de alegacions o 29 de novembro, e polo que presentamos esta moción pola via da urxencia SOLICITANDO do Pleno da corporación a aprobación do seguinte ACORDO

1.- A Corporación Provincial, sumándose ao acordo plenario aprobado pola corporación do concello de Castrelo, insta á Consellaría á que proceda á anulación do acordo de iniciación do procedemento para a aprobación do plan sectorial de actividades extractivas relativas á concesión de explotación nº 4875.1 “Santa Lucía”, sita no Concello de Castrelo de Miño.

2.- En todo caso, a Deputación, a través dos seus servizos xurídicos, presentará alegacións ao proxecto sectorial de actividades extractivas, o proxecto de explotación, o plan de restauración e o estudo de impacto ambiental da concesión de explotación Santa Lucía número 4875.1, no concello de Castrelo de Miño.