O GRUPO PROVINCIAL DO BNG PRESENTA SENDAS MOCIÓNS, PARA DEBATE NO PLENO DE NOVEMBRO, RELATIVAS AOS DESAFIUZAMENTOS E A PROBLEMÁTICA NO SECTOR LACTEO
MOCIÓN PARA QUE SE MODIFIQUE A LEI HIPOTECARIA E ADOPCIÓN DE MEDIDAS SOCIAIS PARA SOLUCIONAR O DRAMA DOS DESAFUIZAMENTOS.
A crise económica, onde a burbulla inmobiliaria tivo un papel fundamental, está a provocar un aumento desmesurado de desafiuzamentos que nos pón diante dun drama social de dimensións preocupantes. Medra o número de familias que quedan sen fogar, os bancos quédanse coas vivendas, pero a débeda segue pendente. A voracidade dos bancos non se satisface cos casos dramáticos de familias e personas que logo de pagar altas amortizacións e intereses polos préstamos son botadas fóra do seu fogar. Con casos tan vergoñentos como de familias desafiuzadas cando a penas lles quedaban por pagar 6.000 ou 10.000 euros.
Os galegos e galegas sufrimos tamén este drama. Entre xaneiro e xuño deste ano a xustiza do Estado español ten autorizado en Galiza o desafiuzamento de máis de 3.000 vivendas ou negocios por non poderlle pagar ao banco, e téñense iniciado máis de 48.000 procesos de execución que pretenden o mesmo destino, en todo o Estado. En total, desde o principio da crise en 2007, son máis de 9.000 expedientes que afectan a familias galegas que conteñen auténticas traxedias humanas e incluso suicidios, no caso do Estado.
As reunións agora entre PP e PSOE non poden ocultar que, en reiteradas ocasións desde marzo de 2011, os dous partidos opuxéronse ás alternativas subscritas polo BNG no Congreso dos Deputados. De nada valen lamentos e panos quentes a un problema que exixe medidas contundentes, modificacións na lexislación hipotecaria e solucións claras e firmes.
A banca, que ten recibido miles de millóns de diñeiro público para sanear as consecuencias das súas aventuras inmobiliarias, non quere adoptar medidas voluntarias para resolver este problema. Nestes momentos de crise non concede créditos á cidadanía nin ao empresariado autónomo, pequeno ou mediano, pero en cambio son intransixentes nas sumarias execucións hipotecarias que deixan na rúa familias enteiras sen contemplacións.
O BNG, ao igual que outros sectores sociais, e mesmo a xudicatura, demandan medidas lexislativas e sociais para impedir este desaforo. Medidas para atender os casos máis dramáticos, para evitar o desamparo das persoas e familias en situación económica extrema. Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO
1.Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado que proceda á modificación da Lei Hipotecaria, que teña carácter retroactivo, para dar solución ao grave drama social dos desafiuzamentos por impago das hipotecas, adoptando medidas como as seguintes:
- Contemplar a dación en pago ou extinción do crédito coa entrega da vivenda, garantizando o aluguer social da mesma vivenda sobre todo cando existan menores ou persoas dependentes.
- Estabelecer un réxime especial no caso da execución de préstamos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais.
- Contemplar moratorias para deixar o pagamento das cotas hipotecarias temporalmente en suspenso cando se produzan circunstancias económicas difíciles como a perda de emprego ou o peche dun negocio.
- Estabelecer a posibilidade de poder converter a hipoteca nun aluguer.
- Estudar un procedemento concursal específico para permitir a paralización de certas execucións.
- Modificar o réxime de taxación e aumentar a porcentaxe de adxudicación ao acredor, actualmente no 50% do valor de taxación.
2. Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado a seguinte medida de carácter social:
- Habilitar un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos e evitar o desamparo das persoas e as familias que se atopan en situacións económicas extremas.
3. Instar á Xunta de Galiza á
- Creación dunha Oficina de Asesoramento para Familias amenazadas polos desafiuzamentos.
- Creación dunha Bolsa de Vivenda Social, exixindo das entidades bancarias e de aforro que as vivendas baleiras da súa propiedade pasen a formar parte da mesma para o aluguer social ou venda a prezo taxado.
4. Remitir este acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, Presidente do Goberno do Estado e grupos parlamentares do Congreso e Parlamento de Galiza.
MOCIÓN RESPECTO DA GRAVE SITUACIÓN DO SECTOR LÁCTEO
O sector lácteo galego está nunha situación límite. Nos tres últimos anos desapareceron en Galiza máis de 3.000 explotacións acompañada dunha destrución sen precedentes de postos de traballo, acadando nese mesmo período a cifra dos 10.000 empregos destruídos. Pero, ademais, hai ao redor de 3.000 explotacións que están ao borde da suspensión de pagos.
Polo que, no caso de non adoptárense medidas urxentes, será imparábel o peche de explotacións e a perda de postos de traballo.
Unha das principais causas desta situación son os baixos prezos do leite en orixe, ao que hai que engadir o desmesurado incremento dos custes de produción (prezo dos cereais, dos pensos, dos combustíbeis, etc.). As explotacións lácteas galegas reciben 0,28 euros por litro de leite, 2 céntimos por debaixo da media estatal e 5 céntimos menos que na Unión Europea, que representan cifras similares ás de hai 20 anos.
Son moitas as explotación que realizaron un gran esforzo de modernización nas súas explotacións e por mor destes prezos tan baixos están a se facer inviábeis.
Tendo en conta que o sector lácteo é a columna vertebral da economía agraria galega, a persistencia desta situación pon en serio risco non só o mantemento da actividade produtiva e económica no rural senón que constitúe unha clara ameaza para a propia existencia de vida no medio rural.
Esta situación vese agravada pola falta de iniciativa do Goberno galego que non só non adoptou ningunha actuación para facer fronte a esta situación senón que mesmo adoptou decisións políticas que comprometeron gravemente a viabilidade e o futuro das explotacións.
Decisións como a entrada en vigor do Decreto 1363/2012, de 28 de setembro, que vén regular o recoñecemento das organizacións produtoras no sector lácteo e as condicións de contratación, por mor da aplicación de regulamentos da Unión Europea, non fan máis que perpetuar a situación dos gandeiros e gandeiras que quedan unha vez máis a mercé das decisións unilaterais da gran industria e distribución á hora de fixar os prezos que estes percibirán polo seu leite.
Tendo en conta que en Galiza se produce practicamente o 40% do leite que se produce no Estado, a política en relación co sector lácteo debera ser definida en Galiza e en función dos intereses do sector lácteo galego. É pois hora de que a Xunta de Galiza asuma a responsabilidade e o liderado do sector lácteo a nivel de Estado promovendo as decisións necesarias para paliar esta dramática situación.
A gravidade da situación do sector lácteo ten motivado que despois de moitos anos as organizacións agrarias convocaron para o día 27 de novembro unha medida tan contundente como unha folga de entregas no sector lácteo, que se fará de xeito continuado e acompañará doutras mobilizacións no tempo.
Por todo isto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza a impulsar un marco galego de relacións entre os diversos operadores do sector lácteo coa finalidade de procurar medidas e políticas que fagan fronte a situación das explotacións leiteiras, asumindo a súa defensa diante do Estado.
2. Instar á Xunta de Galiza a que demande do Goberno do Estado o estabelecemento dunha moratoria na aplicación do Decreto 1363/2012 até que existan medidas que garantan prezos mínimos xustos e cubran os custes de produción dos gandeiros e gandeiras galegas.
3. Apoiar as mobilizacións das organizacións agrarias galegas que reivindican medidas contra a grave situación do sector lácteo.