As brigadas de Vías e Obras da Deputación atenderon nos últimos días preto de 300 incidencias na rede viaria provincial como consecuencias da continuas choivas
Das intervencións realizadas polos equipos da Deputación, un total de 51 actuacións leváronse a cabo tralo aviso directo do 112, mentres o resto corresponde a avisos dos concellos e ao recorrido que de xeito permanente están a facer as brigadas polos 1.850 quilómetros de vías provinciais
Arestora, un dos puntos da rede provincial que requiriu unha intervención especial é a estrada OU-0504, entre Casilla e Barra de Miño, onde o tráfico está cortado nun carril ante o perigo de derrubamento do firme
Tamén estase a vixiar de preto as vías da Deputación que se atopan ao carón dos ríos Támega, Limia, Arnoia e Avia, ante a posibilidade de que aumente o caudal destes leitos e sexa preciso adoptar medidas de seguridade como o corte da circulación
Ourense, 4 de febreiro de 2026.
As brigadas do servizo de Vías e Obras da Deputación de Ourense atenderon preto de 300 incidencias na rede viaria provincial desde o pasado 26 de xaneiro, como consecuencia das intensas e continuas precipitación rexistradas estes días e que levaron a declarar a situación de alerta climatolóxica.
Das intervencións realizadas polos equipos da Deputación, un total de 51 actuacións leváronse a cabo tralo aviso directo do 112, mentres o resto corresponde a avisos dos concellos e ao recorrido que de xeito permanente están a facer as brigadas polos 1.850 quilómetros de vías provinciais.
Derrubes de noiros, pedras que invaden a calzada, atranco de tajeas, caños, foxos e sumidoiros levantados, ademais da caída de árbores e ramas son as incidencias que están a xerar maior número de intervencións. Con todo, as brigadas tamén están realizar outros traballos como sinalizar zonas nas que apareceron fochancas ou nas que se afundiu o firme, limpeza de arrastres de terra, colapso de muros de contención nas estradas ou fincas adxacentes, asolagamento de tramos de estradas, caídas de postes de servizos públicos como telefonía ou eléctricos, e mesmo o auxilio a condutores que saíronse da vía.
Arestora, un dos puntos da rede provincial que requiriu unha intervención especial é a estrada OU-0504, entre A Casilla e Barra de Miño, onde o tráfico está desviado nun carril ante o perigo de derrubamento do firme.
Tamén estase a vixiar de preto as vías da Deputación que se atopan ao carón dos ríos Támega, Limia, Arnoia e Avia, ante a posibilidade de que aumente o caudal destes leitos e sexa preciso adoptar medidas de seguridade como o corte da circulación.
A práctica totalidade das brigadas pertencentes ao Servizo de Vías e Obras están destinadas na actualidade a solucionar estas incidencias, o que supón a mobilización de 60 persoas por toda a provincia, con 16 brigadas distribuídas en puntos como O Carballiño, Celanova, Ourense, Allariz-Maceda, Trives, Parada de Sil, Valdeorras, Viana-A Veiga, Verín, Xinzo de Limia e Bande.
A maiores, seis vixiantes e tres encargados percorren as diferentes zonas e avisan das posibles incidencias non recollidas polo 112 ou polos concellos e particulares.
O Servizo de Vías e Obras dispón ademais de seis equipos de retén para atender emerxencias, con tres operarios cada un, para facer fronte ás incidencias en calquera momento do día e da semana.