César Fernández acompaña a Diego Calvo na visita ás obras da zona de piscinas e tobogáns do complexo deportivo de Monterrei
Ourense, 29 de marzo de 2023.- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, acompañou esta mañá en Pereiro de Aguiar ao vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na súa visita ao avance das obras da primeira fase do parque acuático no complexo lúdico-deportivo de Monterrei, dentro dun proxecto global de 10 millóns de euros cofinanciado ao 50% por Deputación de Ourense e Xunta de Galicia.
Na visita desta mañá tamén estiveron presentes o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete. Os traballos da primeira das catro fases do parque acuático comezaron o pasado mes de febreiro e está previsto que finalicen ao longo deste verán.