César Fernández participa na presentación da Wind Rock Band do Conservatorio de Música de Ourense

Compartir

Ourense, 29 de febreiro de 2024.- Onte tivo lugar a presentación oficial da nova agrupación do CMUS de Ourense: a Wind Rock Band. Unha banda que une dous mundos musicais aparentemente moi distantes como son o rock e a música clásica, pero que poden confluir perfectamente con resultados sorprendentes.

Na rolda de prensa estiveron presentes Purificación Iglesias Pateiro, directora do CMUS de Ourense; César Fernández Gil, vicepresidente 2º e deputado de Cultura e Deportes da Deputación Provincial de Ourense; Emilio José Vázquez Rodríguez, director da Wind Rock Band e José Manuel Valugo Rúa, vicedirector do CMUS de Ourense.

Este proxecto de centro lévase fraguando dende hai un ano cos obxectivos principais de desfrutar da música e comezar a introducir dentro do CMUS un estilo de música diferente ó que se adoita a traballar nos conservatorios de música.

A Wind Rock Band está composta sobre todo por alumnos e alumnas do CMUS, na súa maioría de entre 12 e 18 anos, colaborando tamén profesores e algún que outro músico de fora do centro. O esforzo e dedicación que están a amosar para poder montar un repertorio destas características é moi importante, participando na agrupación de xeito voluntario e fora do seu horario lectivo.

O repertorio que interpretan está composto por temas míticos da historia do rock. Grandes bandas como Deep Purple, Pink Floid, Queen, Metallica e moitas outras soanrán nunha agrupación composta por instrumentos propios das bandas de rock, como son a guitarrra, baixo, batería, teclados e vocalista, unidos á unha banda sinfónica cos seus instrumentos de vento madeira, vento metal e percusión.

Hoxe, xoves 29 ás 20:00h no Teatro Principal de Ourense terá lugar o concerto de presentación da Wind Rock Band, comezando así a súa andadura musical que agardamos sexa moi duradeira. Non volo perdades!