A clase optimist pechará a Copa Deputación de Vela 2024 en Castrelo de Miño

Compartir

Castrelo de Miño, 29 de agosto de 2024.

A regata celebrarase en augas do encoro de Castrelo de Miño (Ourense) do 5 ao 7 de setembro 2024, organizada polo Club Náutico Castrelo de Miño en colaboración co Concello de Castrelo de Miño e a Real Federación Galega de Vela.

Media ducia de clubs galegos daranse cita nas augas do encoro ourensán para realizar esta convivencia de 3 días na que se mesturan os regatistas máis noveis que competirán na clase "Optimist Escola" e que non tiveron contacto aínda coa competición, con aqueles que xa participan habitualmente nas regatas do calendario galego da clase "Optimist".

En total poderase ver navegando a máis de 50 embarcacións, manexadas por nenos e nenas de entre 7 e 14 anos de clubs de todo Galicia, durante as xornadas vespertinas de xoves, venres e sábado. O sábado a última hora da tarde realizarase a clausura e entrega de trofeos aos mellores a nivel individual e tamén ás 3 mellores escolas de vela na clasificación por equipos.