A colección "Andante" trae a 200 artistas ao Centro Cultural da Deputación
A colección de arte contemporánea "Andante", promovida polo arquitecto Ramón Alvarez, trae ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense a máis de 200 artistas de ámbito galego, nacional e internacional. O proxecto naceu hai tres anos, cando o promotor empezou a enviar formas de zapato a artistas co reto de ver se eran capaces de convertelas nunha peza de arte. E así foron xurdindo retos creativos aos que cada pintor, escultor, fotografo ou deseñador se enfrontou dunha maneira particular, creando unha colección que é "un universo plural" onde xa se superaron as 500 pezas.
Tanto o promotor coma o director do Centro Cultural, Francisco González, coincidiron en sinalar que esta colección pode ser un elemento de dinamización cultural para a cidade de Ourense pola gran presenza de artistas doutros lugares e tamén un elemento de difusión de Galicia e a súa creatividade alí onde se leve".
O deputado provincial de cultura, Avelino García Ferradal, felicitou ao impulsor desta colección polo gran traballo desenvolvido e pola súa implicación a prol da cultura, engadindo o apoio que a Deputación presta de maneira permanente a este sector.
"Andante" ten viaxado por diferentes lugares de Galicia, León, Ponferrada e ten proxectos para viaxar a Estados Unidos e Xapón, entre outros lugares.
Na exposición están representados escultores como Acisclo Manzano, Paco Pestana, Alvaro de la Vega ou Manolo Paz; pintores como Alfonso Abelenda ou Quintana Martelo, fotografos como Vari Caramés, deseñadores como Roberto Verinno, etc.
Esta exposición poderá verse ata o 24 de xuño no Centro Cultural "Marcos Valcárcel".