As comarcas de Trives, Caldelas e Ourense coñecen o proxecto EmprendOU da Deputación
Ourense, 28 de xaneiro de 2020.- A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, explicou hoxe, no centro cultural "Parada Justel" en Esgos, as bases do proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense aos alcaldes, concelleiros e axentes de desenvolvemento local das comarcas de Trives, Caldelas e Ourense.
O obxectivo é continuar con "esta rolda de visitas que estamos a realizar polas distintas comarcas da provincia, para que os municipios, como administracións máis próximas á veciñanza, coñezan as liñas básicas desta iniciativa coa que pretendemos afrontar o reto demográfico", dixo Luz Doporto, quen destacou que "cada vez son máis os mozos que se interesan por este proxecto e que suman a esta iniciativa, logrando así xerar emprego e asentar á mocidade no rural".
O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense apoia a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.