A comisión de Benestar abordará o Programa provincial BenOurense de asistencia aos concellos en materia de Servizos Sociais comunitarios

Compartir

Ourense, 17 de novembro de 2016.- As comisións informativas da Deputación de Ourense continúan a celebrarse hoxe xoves, 17 de novembro no Pazo Provincial. Na xornada desta tarde será a quenda para as xuntanzas das comisións de cultura, termalismo e igualdade, nas cales se tratarán temas relativos á cooperación cos concellos en materia de benestar, a fixación de prezos de Pazolandia e das publicacións da Deputación, e os Estatutos da Fundación Eduardo Blanco-Amor, entre outros asuntos.

En concreto, na comisión de Igualdade, Benestar e Emprego trataranse as bases reguladoras do Programa provincial BenOurense de Asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos en materia de Servizos Sociais Comunitarios para o exercicio 2017. O programa estrutúrase en tres accións: a acción 1 de asistencia económica para a contratación ou nomeamento de persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfís profesionais diferentes e complementarios ao de traballador social; a acción 2 refírese a asistencia económica para o financiamento de axuda no fogar básico; e a acción 3 para a asistencia técnica e xurídica en materia de servizos sociais, prestación que se levará a cabo por parte do persoal da Área de Benestar da Deputación.

Asemade, continuando en materia de Benestar, na xuntanza abordaranse as bases reguladoras para a concesión de axudas do Programa "BenOurense Infancia" destinadas ás corporacións locais para o mantemento dos Puntos de Atención á Primeira Infancia (PAI) e dos Servizos Complementarios. Así, nas bases contémplanse dúas accións: a referida ao Punto de Atención á Infancia, que entende como PAI os establecementos de carácter diúrno e de titularidade municipal en concellos de menos de 5.000 habitantes, que teñen como finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos de entre 3 meses e 3 anos; e a acción referida aos Servizos Complementarios Municipais, referidos aos servizos de titularidade municipal en xornada diúrna, desenvolven funcións de atención e coidado fora da xornada ordinaria dos centros escolares para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos para actuar como soporte e apoio ás familiar e contribuír así, á conciliación da vida familiar e laboral.

Na comisión de Cultura, Deportes e Mocidade falarase sobre a aprobación dos Estatutos da Fundación Eduardo Blanco-Amor, unha organización sen ánimo de lucro, de interese galego, que terá como fins: conservar, difundir e promover a obra de Eduardo Blanco Amor e o seu legado; promover actividades de estudo e de investigación nos campos da literatura, o xornalismo, a lingua galegas, as artes, e os estudos históricos e políticos abordados polo autor e polos investigadores da súa obra; dinamizar e difundir todo o relacionado co autor, especialmente na provincia de Ourense, en Galicia, España e países de América relacionados co escritor; e potenciar e difundir a cultura e a realidade social, sobre todo da época do escritor, e a colaboración con entes públicos e privados con fins semellantes.

Outro dos asuntos a tratar na xuntanza será a fixación de prezos da publicación Acisclo. Colección Artistas Ourensáns. Vol. VI, de Mercedes Gallego Esperanza, que editará a Deputación de Ourense, por un prezo de venda ao público de 50 euros; e a fixación dos prezos públicos para a entrada ao parque de atraccións para nenos e nenas "Pazolandia", por un importe de 4 euros para o público en xeral e, de 3 euros para as persoas que accedan en viaxes promovidos polos concellos da provincia.

Na comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente, abordarase o convenio entre a Deputación de Ourense e o Concello de Avión polo que o goberno provincial preste cooperación financeira e asistencia técnica ao concello para a realización de accións de control da subministración domiciliaria de auga potable, no marco da xestión municipal do servizo de abastecemento domiciliario. Para elo, a Deputación de Ourense realizará prestacións de cooperación financeira a través dun préstamo dun importe de 103.164 euros cun prazo de amortización equivalente á duración do convenio (2017-2020)., para financiar a adquisición de novos contadores de auga. Tamén prestará asistencia técnica para a elaboración dun estudo dos usuarios dos servizos de abastecemento e saneamento do concello, ou padrón – base, así como instalar os contadores necesarios para a regulación do parque de contadores, substituíndo os contadores defectuosos e instalándoos nos inmobles que non dispoñan deles. Os contadores serán subministrados polo Concello, entre outras actuacións incluídas neste apartado de asistencia técnica.

Na xornada de onte mércores, 16 de novembro, celebráronse as comisións informativas de cooperación, facenda e transparencia. Concretamente, na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordouse o Programa provincial de cooperación cos concellos para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipais e provincias durante o ano 2017, co obxectivo de colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza da rede viaria e tamén no cumprimento das obrigas de prevención de incendios forestais. Para elo, a contía máxima estimada é de 350.000 euros, quedando condicionada a convocatoria á existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Deputación para o exercicio 2017. Os beneficiarios poderán ser os concellos de menos de 20.000 habitantes e mancomunidades integradas por estes concellos cos requisitos de prestar este servizo cunha máquina rozadora con brazo articulado, destinada á realización de traballos de limpeza das marxes da rede viaria, durante, polo menos o período mínimo do ano 2017.

Na comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía tratouse a cesión gratuíta da parcela II (Colexio Universitario) do Campus Norte de Ourense á Universidade de Vigo, polo que se somete a información pública o expediente polo prazo de 20 días para que calquera interesado poida formular alegacións. Asemade na proposta figura que deberá manterse o fin educativo para o que son cedidos e a Universidade de Vigo deberá levar a cabo a depuración xurídica da parcela cedida, asumindo os custes da mesma.

Por último, na comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial abordouse a aprobación inicial do Plan de Ordenación de Recursos Humanos 2017.