A comisión informativa de Benestar abordará o programa de cooperación BenOurense para o servizo de axuda no fogar básico
Ourense, 12 de decembro de 2018.- A comisión informativa de Igualdade, Benestar e Emprego, que celebrará mañá xoves, 13 de decembro, a súa xuntanza, xunto ás comisións de Cultura e Termalismo, abordará o programa BenOurense de cooperación económica coas entidades locais da provincia de menos de 20.000 habitantes que presten o Servizo de Axuda no Fogar Básico no exercicio 2019. No programa tamén están incluídas as mancomunidades intermunicipais que xestionen servizos sociais dun conxunto de municipios con menos de 20.000 habitantes. Para tal fin, a Deputación de Ourense destina un orzamento que ascende aos 900.489 euros. As entidades interesadas en adherirse ao programa poderán presentar a solicitude no prazo máximo de quince días contando a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOP.
Transparencia, Economía e Cooperación
Na xornada de hoxe mércores celebraranse, no Pazo Provincial, as comisións informativas de Transparencia, Cooperación e Facenda. Na comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial tratarase a resolución de reclamacións e a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo da Deputación de Ourense.
Na comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a aprobación inicial do orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para a prestación do servizo contra incendios e de salvamento para o exercicio 2019, que ascende a 4.302.000 euros, e que se integra no orzamento xeral da Deputación de Ourense.
Na comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural tratarase a ordenanza reguladora do servizo provincial de asistencia a entidades locais en materia de rega e baldeo de espazos públicos locais mediante un vehículo cisterna manexado por un condutor. Considéranse espazos públicos a efectos de limpeza viaria as avenidas, paseos, rúas, beirarrúas, zonas peonís, camiños, pontes, e bens de uso público municipal destinados directamente ao uso común xeral dos cidadáns.
As entidades locais interesadas neste servizo deberán presentar a súa solicitude como mínimo, cunha antelación de vinte días hábiles a data na que se interese a actuación. O prezo público establécese en 175 euros por día, mais o IVE. No caso de que o servizo se preste durante mais dun día consecutivo, o segundo día e seguintes facturaranse por xornada completa ou fraccións de media xornada.
Asemade na xuntanza abordarase a aceptación da delegación de competencia formulada polo Concello de Beariz para a tramitación do expediente expropiatorio para a execución da obra de construción do cemiterio municipal, así como a expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento e mellora na OU-0521 Cabeanca-Trasalba, no municipio de Ourense.