A comisión informativa de Cooperación abordará convenios cos concellos en materia de Medio Ambiente e Infraestruturas

Compartir

Ourense, 13 de decembro de 2017.- As comisións informativas da Deputación de Ourense comezan hoxe as súas reunións no Pazo Provincial. Na xornada de hoxe celebraranse as comisións informativas de cooperación, facenda e transparencia e, na xornada de mañá xoves, 14 de decembro, será a quenda para as de cultura, termalismo e igualdade.

Na comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordaranse convenios de cooperación cos concellos da provincia en materia de Medio Ambiente e Infraestruturas.

En concreto, abordarase a aprobación do convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Vilamarín para o financiamento, execución e entrega para o seu mantemento e conservación, das obras de mellora do tratamento na EDAR do Parque Empresarial de Vilamarín. O investimento total para dita actuación estímase en 566.000 euros, dos cales a CHMS achegará o 39,75% do investimento, 225.000 euros, ao igual ca Deputación de Ourense, mentres que o Concello de Vilamarín achegará o 20,5% do investimento, 116.000 euros.

Por outra banda, na xuntanza abordarase a aprobación inicial do proxecto de expropiación relativo á obra "beirarrúas en Fonteboa – N-525", no municipio de San Cibrao das Viñas, así como a apertura dun período de información pública polo prazo de un mes.

Tamén se dará conta da resolución de alegacións e aprobación definitiva da Ordenanza reguladora do servizo intermunicipal delegado de recollida de residuos urbanos da Deputación de Ourense.

Asemade na reunión tratarase a modificación do convenio de colaboración asinado entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello da Veiga para o financiamento, execución e entrega para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto de acondicionamento, protección e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños no municipio da Veiga.

Por último, na reunión abordarase elevar ao Consello da Xunta de Galicia a proposta de aprobación da dispensa ao Concello dos Blancos da obriga de prestación dos seguintes servizos mínimos obrigatorios nas condicións que se indican: abastecemento domiciliario de auga potable, saneamento e pavimentación de vías públicas e acceso a núcleos de poboación.

A Deputación asumirá con respecto a eses servizos obxecto de dispensa, o exercicio de tódalas facultades de ordenación e xestión dos mesmos, incluídas as de imposición e ordenación de taxas polos servizos, no caso de que procedan.

Asemade durante o período de dispensa correspóndelle á Deputación o exercicio dos actos de conservación, mantemento e administración do ben de dominio público afectos aos servizos obxecto de dispensa que sexan de titularidade do concello, os cales quedarán adscritos temporalmente á Deputación. A administración provincial subrogarase como empregadora do persoal laboral municipal adscrito aos servizos obxecto da dispensa, así rematada a situación de dispensa eses traballadores serán subrogados polo concello.

No relativo á comisión de Transparencia e Administración provincial tratarase o informe do deputado delegado de Administración Provincial sobre a contratación do proxecto "Conecta Ourense".

Por último, na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a fixación do prezo de venda ao público, por importe de 20 euros, da publicación In tempore sueborum. El tiempo de los suevos en la Gallaecia (411-585). La creación del primer reino medieval de Occidente, dos autores López Quiroga, J. E. E Martínez Tejera, A. M.