A comisión informativa de Facenda abordará a aprobación inicial dos orzamentos da Deputación de Ourense para o 2018

Compartir

Ourense, 20 de setembro de 2017.- As comisións informativas da Deputación de Ourense celebran as súas reunións hoxe mércores, 20 de setembro e mañá xoves, 21 de setembro, no Pazo Provincial. Nas xuntanzas de hoxe celebraranse as comisións de cooperación, facenda e transparencia, sendo a quenda das de cultura, termalismo e igualdade, ao día seguinte.

Na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía abordarase a aprobación inicial do orzamento xeral da Deputación de Ourense para o exercicio 2018, que ascende a un total de 80.707.000 euros. Pola súa parte, o orzamento do Inorde para o 2018 ascende a un total de 1.936.714 euros e, para o Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e de Salvamento a un total de 4.168.028 euros.

Na xuntanza tamén se abordará o expediente de modificación de créditos n.º 2/2017 do orzamento do Inorde por un importe que ascende aos 19.216 euros. Por último, falarase da delegación na Deputación do exercicio das competencias do Concello de Rairiz de Veiga en materia de recadación executiva.

No que respecta á comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordarase a aprobación inicial das bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos Concellos en materia de empregabilidade para o ano 2018, que ten como finalidade contribuír ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal e da entidade local menor de Berán posibilitando o complemento dos recursos humanos necesarios co dito fin. Para elo, a Deputación de Ourense destinará un importe global máximo de 1.830.000 euros, sendo a contía máxima concedida a cada concello de 20.000 euros e a entidade menor de Berán poderá acadar un máximo de 10.000 euros.

Tamén se falará na xuntanza da aprobación inicial das bases reguladoras do Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos municipais da rede viaria provincial para o exercicio 2018. O Plan contempla unha achega da Deputación de Ourense de 2.000.000 euros para a Rede Viaria Provincial e, en canto ao investimento en obras municipais, incluída a entidade menor de Berán, achegará un total de 4.477.000 euros.

Por último, abordarase a expropiación forzosa para a execución da obra de paseos peonís na OU-0215 Toén- Arnoia, no termo municipal de Arnoia.

Na comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial tratarase a modificación da ordenanza reguladora do cadro de persoal e da clasificación e provisión de postos de traballo, así como a resolución dos recursos interpostos polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación contra o acordo do Pleno da Deputación do mes de marzo polo que se aprobou definitivamente a Relación de Postos de Traballo da Deputación para o exercicio 2017 e contra o acordo do Pleno da Deputación do mes de abril polo que se acordou a modificación da Relación de Postos de Traballo da Deputación para o exercicio 2017.

Mañá xoves, na comisión de Igualdade, Benestar e Emprego abordarase o I Plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2021 da Deputación de Ourense. Este Plan contempla medidas para alcanzar a igualdade total entre mulleres e homes en tódolos ámbitos, así como eliminar a discriminación por razón de sexo, sendo unha ferramenta dinámica e flexible. Ademais representa o compromiso da Deputación coa igualdade para cos seus traballadores e implica a participación de tódalas áreas da institución no desenvolvemento e execución do I PIOMH de forma coordinada.

Outro dos temas a tratar na reunión será a aprobación inicial da modificación da Ordenanza reguladora do servizo de teleasistencia domiciliaria.

Pola súa parte, a comisión de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordará a aprobación inicial da Ordenanza reguladora do servizo intermunicipal de recollida de residuos urbanos.