A comisión informativa de Facenda abordará o Informe da conta xeral da Deputación, do Inorde e dos consorcios
Ourense, 16 de abril de 2019.- A comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordará hoxe martes, 16 de abril, o Informe de conta xeral da Deputación de Ourense, do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), do Consorcio provincial do servizo contra incendios e salvamento, e do Consorcio de augas de Valdeorras, correspondente ao exercicio 2018.
Outro dos temas da reunión é o expediente de modificación dos créditos orzamentarios e das bases de execución do orzamento para 2019 mediante a concesión dun crédito extraordinario por importe de 450.602 euros para un préstamo participativo á entidade Estación de Inverno de Manzaneda. Tamén, esta comisión informativa abordará a aprobación de dous expedientes de modificación orzamentaria do Inorde para 2019 por importe de 48.000 euros e 154.66 euros, respectivamente.
Na xornada de hoxe tamén se celebrarán as comisións de Cooperación e Transparencia, dándose conta nesta última da providencia da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo, do 28 de marzo de 2019, pola que non se admite a trámite o recurso de casación preparado pola Deputación contra a sentenza n.º 312/2018, do 27 de xuño, da Sala do Contencioso do TSXG.
Pola súa parte, na comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural darase conta do acordo da Xunta de Goberno relativo á expropiación forzosa para a execución da obra "beirarrúas en Fonteboa-N 525", en San Cibrao das Viñas.