A comisión informativa de Facenda abordará o orzamento xeral da Deputación para o 2019
- O Pazo Provincial acolle hoxe e mañá as reunións das comisións informativas correspondentes ao mes de setembro.
- Na comisión informativa de Cooperación tratarase o Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial e os Programas de Cooperación cos concellos en materia de mocidade e empregabilidade, e para a limpeza das marxes das redes viarias.
Ourense, 19 de setembro de 2018.- A comisión informativa informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordará hoxe, no Pazo Provincial, a aprobación inicial do orzamento xeral da Deputación Provincial de Ourense para o exercicio 2019, que ascende a un total de 82.700.000 euros, e o orzamento do INORDE para o exercicio 2019 ascende a 2.048.000 euros. Así mesmo, na reunión tratarase o expediente de modificación orzamentaria por crédito extraordinario e das bases de execución n.º 4/2018, por cambio de titularidade da achega ou cambio da finalidade da axuda concedida.
Pola súa parte, a comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural que tamén se celebrará hoxe abordará a aprobación inicial das bases reguladoras do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2019. As bases deste Plan recollen dúas clases de investimentos: en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial e en obras de competencia municipal.
De tal modo que, a Deputación de Ourense destina un orzamento de 1.500.000 euros para os investimentos na rede viaria provincial, e 4.716.000 euros para as obras municipais (incluída a Entidade Local Menor de Berán) dos cales 4.440.000 euros son destinados á execución material das obras e 276.000 euros son para os servizos complementarios. A través deste Plan, cada concello recibirá unha achega de 51.000 euros dos cales 48.000 euros son para a execución da obra e 3.000 euros para os servizos complementarios. Os concellos deberán presentar as solicitudes antes de que remate o día 30 de novembro de 2018.
Outro dos temas a tratar na xuntanza será a aprobación inicial das bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos e a Entidade Local Menor de Berán en materia de mocidade para o exercicio 2019. A finalidade deste Programa dirixido aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e á Entidade Local Menor de Berán, é contribuír ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincial en prol da mocidade ao longo do vindeiro ano.
Para este Programa, a Deputación destina un total de 549.000 euros, sendo a contía máxima da achega concedida a cada concello de 6.000 euros. No caso da Entidade Local Menor de Berán poderá acadar un máximo de 3.000 euros. O prazo para a presentación das solicitudes serán dun mes, contando a partir do día seguinte ao da data de publicación destas bases no BOP.
Así mesmo, tamén se abordará a aprobación inicial das bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos e a Entidade Local Menor de Berán en materia de empregabilidade para o exercicio 2019. Este Programa da Deputación pretende contribuír ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal e da Entidade Local Menor de Berán, posibilitando o complemento dos recursos humanos necesarios para dito fin.
Para este Programa, dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes e á Entidade Local Menor de Berán, a Deputación destina un total de 1.830.000 euros, dos que cada concello pode lograr unha achega máxima de 20.000 euros, mentres que no caso de Berán será un máximo de 10.000 euros. O prazo para a presentación das solicitudes serán dun mes, contando a partir do día seguinte ao da data de publicación destas bases no BOP.
Tamén en materia de Cooperación, na xuntanza tratarase a aprobación inicial das bases reguladoras do Programa Provincial de Cooperación cos concellos e mancomunidades para a realización de actuacións de limpeza das marxes das redes viarias municipal e provincial no exercicio 2019. O obxectivo deste Programa é colaborar economicamente cos concellos e mancomunidades no sostemento do servizo público de limpeza das marxes da rede viaria municipal e no cumprimento das obrigas que establece a lexislación galega de prevención de incendios forestais.
Poderán ser beneficiarios deste Programa os concellos de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades integradas por estes concellos que cumpran os requisitos recollidos nas bases. Para este Programa, a Deputación destina un total de 350.000 euros, sendo a contía das achegas de 4.500 euros por entidade local. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contando a partir do día seguinte ao da data de publicación destas bases no BOP.
Noutra orde de asuntos, na reunión abordarase a expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento e mellora integral na OU-1006 Vilardevós-Vilarello da Cota, en Vilardevós. Tamén será tema desta xuntanza a expropiación forzosa para a execución da obra de acondicionamento e mellora integral na OU-1114 Vilar de Santos-Ponteliñares, en Rairiz de Veiga e Vilar de Santos. E, por último, darase conta do acordo da Xunta de Goberno de expropiación forzosa urbanística para a execución da obra de "beirarrúas en Fonteboa- N-525", en San Cibrao das Viñas.
Pola súa parte, a comisión informativa de Transparencia e Administración Provincial que se celebrará hoxe, dará conta da presentación dos escritos de preparación do recurso de casación interposto contra a sentenza n.º 312/2018, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (relativa ao concurso ordinario de provisión de postos de traballo de 2016) así como do ditame emitido pola Universidade de Santiago de Compostela sobre este asunto.
Cultura, Termalismo e Igualdade
Na xornada de mañá xoves, 20 de setembro, celebrarase no Pazo Provincial, as comisións informativas de Cultura, Termalismo e Igualdade. Na comisión informativa de Cultura, Deportes e Mocidade tratará a fixación de prezos de publicacións que editará a Deputación de Ourense que oscilan dos 8 euros da obra "Celanova ten unha foto" de Lorenzo Pérez, C.D. aos 21 euros da obra "Toponimia da Provincia de Ourense" de Domínguez Quiroga, M.J. Así mesmo, outro dos puntos a tratar neste senso, será a dación de conta do acordo da Xunta de Goberno de aprobación da programación anual da Escola de Danza e a fixación dos prezos públicos para o curso 2018-2019.
Noutra orde de asuntos, a comisión informativa tamén abordará o convenio entre a Deputación de Ourense e o Concello de Xinzo de Limia para a transferencia á Deputación do Museo Galego do Entroido en Xinzo. Esta transferencia xustifícase polo carácter de servizo público municipal non obrigatorio do Museo e por ser unha cuestión de interese provincial, a conservación e difusión do patrimonio cultural vinculado ao Entroido de Ourense.
Neste mesmo senso, na xuntanza tamén se tratará a creación do Consello Asesor do Museo Galego do Entroido, como órgano complementario da Deputación con funcións de informe e seguimento da xestión do Museo. O Consello estará integrado polo presidente, cargo que ostentará o presidente da Deputación ou deputado no que delegue; e os vogais do Consello serán o deputado –delegado en materia de Cultura, un representante do Concello de Xinzo de Limia, un representante de cada unhas das entidades locais ou entidades sen ánimo de lucro que sexan titulares de fondos depositados no Museo, un representante de cada unha das entidades locais da provincia onde o Entroido teña un especial arraigo, un representante das entidades sen ánimo de lucro que se teñan distinguido especialmente polo seu labor a prol da conservación ou difusión do Entroido ourensán; e actuará como secretario do Consello o Secretario Xeral da Deputación, podendo ser substituído por un funcionario da Deputación dos subgrupos A1 e A2.
O Consello deberá constituírse nun prazo dun mes desde que se aprobe a súa creación e deberá encargarse do seguimento da xestión do Museo. Asemade, a comisión informativa abordará a determinación do modo de xestión do Museo Galego do Entroido, para o que se propón unha xestión indirecta.
Na comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente tratarase o convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello dos Blancos, para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras do proxecto de mellora da capacidade de desaugadoiro do río Airoá nos Blancos. O investimento total necesario para estas actuacións é de 109.000 euros, que será asumido pola Deputación e pola CHMS a partes iguais, 54.500 euros cada entidade.
Por último, a comisión informativa abordará o outorgamento da medalla de ouro da provincia a título póstumo ao Doutor Luís Rodríguez Míguez, pola súa contribución a realzar e relanzar a maior singularidade que ten Ourense, a súa riqueza termal posto que o foi todo no termalismo da nosa provincia.