A comisión informativa de Facenda analizará a aprobación inicial do orzamento da Deputación para o 2020

Compartir

  • Ademais, a comisión informativa de Cooperación abordará a aprobación inicial das bases reguladoras do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2020.

  • Pola súa parte, a comisión informativa de Cultura tratará a incoación dos expedientes para o outorgamento da medalla de ouro da provincia a Acisclo Manzano e para o nomeamento de fillo predilecto da provincia de Ourense a Alfredo Conde.

Ourense, 18 de setembro de 2019.- As comisións informativas da Deputación de Ourense correspondentes ao mes de setembro, celebran hoxe e mañá as súas reunións no Pazo Provincial. Na xornada de hoxe será a quenda para as comisións informativas de Facenda, Cooperación e Transparencia, mentres que na xornada de mañá xoves, serán as reunións das de Cultura, Reto Demográfico e Termalismo.

Na comisión informativa Especial de Contas e de Facenda e Economía abordará a aprobación inicial do orzamento xeral da Deputación de Ourense para o exercicio 2020, que ascende aos 85.700.000 euros. Pola súa parte, o orzamento do Inorde para o 2020 é de 2.110.000 euros. Ademais, na reunión analizarase a aprobación inicial da modificación de créditos do Orzamento do Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e de Salvamento n.º 2/2019, así como a súa integración no Orzamento xeral da Deputación. Dita modificación de créditos ascende a 341.687 euros.

Neste mesmo sentido, na xuntanza tamén se abordará o expediente de modificación dos créditos orzamentarios e das bases de execución do orzamento do exercicio 2019 mediante suplementos de crédito e créditos extraordinarios n.º 4/2019. Esta modificación ascende aos 7.159.841 euros que serán destinados para asuntos de Acción social, Cooperación provincial, Participación veciñal, Actividades culturais e recreativas, entre outros. Así mesmo, nesta comisión informativa tamén se dará conta da delegación na Deputación do exercicio das competencias de recadación en vía executiva da taxa pola limpeza de terreos e soares, da taxa pola subministración de auga e do imposto sobre construcións, instalacións e obras do municipio de Cenlle.

Cooperación

Na comisión informativa de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordará a aprobación inicial das bases reguladoras do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2020. O Plan provincial comprende as seguintes clases de investimentos: investimentos en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial e investimentos en obras de competencia municipal.

A distribución do investimento total prevista no Plan provincial 2020 é de 1.500.000 euros para a Rede Viaria Provincial, mentres que o investimento previsto en obras municipais é de 4.716.000 euros, dos cales 4.440.000 euros son para a execución material das obras e 276.000 euros estará destinados a servizos complementarios á execución das obras. En ambos casos financiarase na súa integridade pola Deputación de Ourense, aínda que os concellos voluntariamente poderán efectuar achegas adicionais para o financiamento das obras.

O investimento destinado a cada municipio é de 51.000 euros, dos cales 48.000 euros son para os contratos de execución das obras e 3.000 euros para os contratos de servizos complementarios ás obras. O investimento con cargo a fondos provinciais asignado a cada concello poderá dedicarse a unha ou a varias obras, a elección dos concellos, sempre e cando as obras correspondan a competencias municipais. As solicitudes deberán presentarse antes de que remate o día 29 de novembro de 2019.

Por outra banda, na xuntanza tratarase a aprobación definitiva do proxecto de expropiación por taxación conxunta para a construción do cemiterio municipal en Beariz, así como a aprobación definitiva da declaración da necesidade de ocupación urxente dos bens e dereitos afectados pola expropiación para ensanche da OU-0210 Leirado-Pontedeva.

Outro dos temas a analizar na comisión será a modificación do convenio de cooperación entre a Deputación de Ourense e os concellos de Cenlle, Punxín e San Amaro en materia de contratación do servizo de explotación e mantemento e subministración de enerxía eléctrica do abastecemento en alta Razamonde – San Trocado, consistente na delegación na Deputación de Ourense do exercicio das competencias de mantemento correctivo de dita infraestrutura.

Cultura, Reto Demográfico e Medio Ambiente

Na xornada de mañá xoves, 19 de setembro, será a quenda para as comisións informativas de Cultura, Deportes e Mocidade; Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego; e Termalismo, Turismo e Medio Ambiente. Na comisión informativa de Cultura abordarase a incoación do expediente para o outorgamento da medalla de ouro da provincia de Ourense ao insigne escultor ourensán Acisclo Rogelio Manzano Freira, así como o expediente para o nomeamento de fillo predilecto da provincia de Ourense ao insigne escritor ourensán Alfredo Conde Cid. Na xuntanza tamén se dará conta da aprobación da programación anual e prezos públicos da Escola de Gaitas da Deputación e da Escola Provincial de Artes e Oficios para o curso 2019-2020.

Por último, na comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente tratarase a aprobación de adenda modificativa ao convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a Deputación de Ourense e o Concello de Vilamarín para o financiamento, execución e entrega, para o seu mantemento e conservación, das obras de mellora do tratamento na EDAR do Parque Empresarial de Vilamarín.