Comunicado da Deputación de Ourense no Día Internacional das Persoas con Discapacidade
No Día Internacional das Persoas con Discapacidade, a Deputación de Ourense quere remarcar a necesaria e firme aposta polas políticas e programas que contribúan a promover a eliminación das desvantaxes, principalmente sociais e económicas, que padecen as persoas con discapacidade, o cal, precisa dun esforzo aínda máis intenso por parte das institucións nestes momentos de dificultades económicas que estamos a vivir.
A Deputación de Ourense mantén desde fai moitos anos unha liña aberta de colaboración con asociacións e entidades que se ocupan das persoas con discapacidade, un investimento que se vai a seguir incrementando porque a atención dos Servizos Sociais é unha máxima da institución provincial.
O goberno provincial entende que son significativos os avances que se teñan dado no desenvolvemento económico, social e humano das persoas con discapacidade, mais, é necesario seguir promovendo e protexendo os dereitos deste colectivo, loitar contra os estereotipos e prexuízos, e fomentar a igualdade de oportunidades en todos os ámbitos.
No marco do Plan BenOurense de Servizos Sociais a Deputación seguirá a impulsar actuacións que permita atender as necesidades das persoas máis necesitadas desde o punto de vista social, porque a cooperación cos concellos da provincia ten que incidir, por riba de todo, no benestar das persoas. Ese é, e sempre o será, o obxectivo fulcral da xestión pública: seguir promovendo unha mellor calidade de vida para os cidadáns.