Comunicado dos grupos políticos representados na Corporación Provincial de Ourense en apoio ao sector da lousa
Ourense, 20 de setembro de 2023.- Os grupos políticos representados na Corporación Provincial de Ourense -PP, PSOE, BNG e DO- expresan de xeito conxunto o apoio da Deputación de Ourense ao sector da lousa e, de xeito particular, aos traballadores e traballadoras afectadas polo desafiuzamento dos terreos nos que exerce a súa actividades unha das empresas de maior peso no sector na comarca de Valdeorras.
A Corporación Provincial de Ourense, sempre co máximo respecto ás decisións xudiciais, amosa a súa preocupación polo futuro ao que se enfrontan varios centos de empregados e empregadas, as súas familias e todas as persoas que dun xeito indirecto tamén traballan para a empresa afectada.
Os catro grupos políticos entenden que o cesamento do traballo dunha empresa da lousa non só ten consecuencias no ámbito da compañía e no lugar onde desenvolve a súa actividade, senón tamén no conxunto do sector e nos capítulos social e económico de toda a comarca de Valdeorras.
A Corporación Provincial de Ourense invita e apela ao diálogo entre as partes involucradas no proceso xudicial, na procura de acordos que abran a porta a unha pronta solución.