Concerto de "Voces Femininas 2012" no Teatro Principal de Ourense

Compartir

O Teatro Principal de Ourense acolle o vindeiro xoves, ás 20.30 horas, o concerto de "Voces femininas 2012", de Coconut Producciones, coa participación de Lisa Hanningan, Little Scream e Holly Miranda. "Voces Femininas" naceu en 2008 como un espazo no que dar cabida a grandes intérpretes e compositoras de todo o mundo. Trátase de dar a coñecer ao gran público a artistas incriblemente dotadas, algunhas con gran predicamento nos seus países e na escena internacional. É un espectáculo no que priman as cancións, no que o foco para a configuración do cartel se pon na calidade das artistas. En definitiva, a intención é reivindicar o talento de toda unha xeración de intérpretes e compositoras e facelo de forma festiva.

Este espectáculo celébrase sempre a finais de novembro, coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A 1ª edición tivo lugar en Vigo o 22 de novembro de 2008, no Centro Cultural Caixanova, coas actuacións de Emmy the Great (Inglaterra), Nina Kinert (Suecia), Wendy McNeill (Canadá) e Sevigny. A 2ª edición celebrouse en Ourense (Teatro Principal) e Vigo (Centro Cultural Caixanova) en novembro de 2009, e nela actuaron Basia Bulat (Canadá), Dawn Landes (Suecia) e Hello Saferide (Suecia). Ademais, Victoria Williams (Estados Unidos) e Simone White (Estados Unidos) presentaron a principios de outubro en Ourense e Vigo o festival.

A 3ª edición celebrouse en Ourense (Teatro Principal) e Vigo (Centro Cultural Caixanova) en 2010, e contou coa presenza de Azure Ray (Estados Unidos), Sharon Van Etten (Estados Unidos) e Jesca Hoop (Estados Unidos. A 4ª edición tivo lugar en Ourense (Teatro Principal) e Vigo (Centro Cultural Caixanova) en 2011, coas actuacións de Sarah Jaffe (Estados Unidos), Hannah Peel (Inglaterra) e Mina Tindle (Francia). Laura Gibson (Estados Unidos) presentou o 21 e o 22 de outubro a edición 2011 de Voces Femininas, con dous concertos en Vigo e Ourense.

No seu 5º aniversario, Voces Femininas segue sen perder o seu trazo de identidade e edalle a oportunidade ao gran público de descubrir artistas internacionais de enorme éxito e de facelo nun formato íntimo e próximo. Como en anteriores edicións, o espazo supoñerá a primeira xira española para algunha das artistas participantes, que son xa un referente cultural nos seus países de orixe. Voces Femininas 2012 actuará en Madrid, Ourense e Vigo.

VENDA DE ENTRADAS:

A venda anticipada de entradas para "VOCES FEMININAS" está dispoñible a través de www.novagaliciabanco.es e do teléfono 902434443. Na taquilla do teatro os días 21 e 22, de novembro de 11:00h a 13:30h. e unha hora antes do inicio da función. O prezo das localidades é de 18 € (butaca) ,16 € (platea), 16 € (1º andar), 16 € (2º andar), 14 € (paraíso) e 16 € (VR).

COLABORA: Teatro Principal de Ourense- Deputación Provincial de Ourense.