Constitución do pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense
- Pablo Pérez, presidente da entidade por delegación do titular da Deputación de Ourense, afirma que neste mandato 2019-2023 "o consorcio seguirá apostando pola mellora e innovación nas emerxencias, tal e como fixo nos catro anos anteriores".
Ourense, 1 de agosto de 2019.- O pleno do Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento de Ourense para o mandato 2019-2023 celebrou hoxe a súa reunión constitutiva no Pazo Provincial. Na orde do día da reunión figuraban a constitución do dito ente, a elección de presidente e vicepresidente, e aspectos económicos e de xestión. A Presidencia correspondeulle ao deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, por delegación do presidente da Deputación, Manuel Baltar, e a Vicepresidencia, a Santiago Villanueva, en representación da Xunta de Galicia. No pleno tamén tomaron posesión dous novos membros designados pola Deputación de Ourense: Aurentino Alonso, en representación do grupo socialista, e Patricia Lamela, polo grupo popular.
Pablo Pérez valorou ao remate da reunión que neste mandato "o consorcio seguirá apostando pola mellora e innovación nas emerxencias, tal e como fixo durante os catro anos anteriores, etapa na que tivo lugar un cambio substancial coa creación do consorcio e a posta en funcionamento do parque comarcal do Carballiño, en xuño de 2017", e dixo que no novo mandato "reafirmamos o noso compromiso coa comarcalización dos bombeiros de Ourense, no cal a Xunta tamén está implicada e, neste sentido, iniciaremos tamén conversas co novo grupo de goberno do Concello de Ourense", destacando asemade "a consolidación do Mapa de Emerxencias Provincial -tal e como recolle o plan de mandato Ourense 7273-, con data fixada para o 1 de decembro de 2020".
O presidente do Consorcio subliñou como unha prioridade "a innovación nos parques comarcais, como xa viñemos facendo nos últimos catro anos cos investimentos destinados a melloras e cambios de equipamentos para emerxencias", afirmou Pablo Pérez, lembrando que neste consorcio as achegas que se cobran de Unespa, a patronal dos seguros, dedícanse integramente a mellora do servizo e novos equipamentos, algo moi ben valorado polo ámbito sindical dos bombeiros".