Convocado o XVII premio de narración e ilustración "Pura e Dora Vázquez"
- No apartado deportivo, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases das convocatorias para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos, e para concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas, ambas para o 2020.
Ourense, 5 de marzo de 2020.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou as bases reguladoras da XVII edición do premio de narración e ilustración infantil e xuvenil "Pura e Dora Vázquez". Na modalidade de narración poderán presentarse ao concurso autores de calquera nacionalidade, sempre que presenten os seus orixinais en lingua galega. As narracións que se presenten terán temática libre, sempre adaptada a un público infantil ou xuvenil, e os textos serán inéditos e totalmente orixinais, coas seguintes características: os textos terán unha extensión mínima de 25 páxinas e máxima de 100 páxinas, formato A4, sempre escritos en programa Word, fonte tipográfica Times New Roman, tamaño de letra 12 puntos e interliñado 1,5.
A presentación dos orixinais poderá realizarse de maneira presencial, entregando un exemplar da obra en sobre pechado indicando no seu exterior «Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración, na oficina de asistencia ao cidadán en materia de rexistros; ou remitindo por correo certificado o exemplar da obra en sobre pechado, indicando no seu exterior «Premio Pura e Dora Vázquez, modalidade de narración», ao seguinte enderezo: Deputación Provincial de Ourense. Rexistro Xeral- Rúa do Progreso, 32. 32003 Ourense.
As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico e número de DNI. Cando as obras se remitan por correo certificado, deberá remitirse por correo electrónico á dirección publicacions@depourense.es unha copia do xustificante do envío emitido pola oficina postal.
Os interesados en participar teñen de prazo para presentar os seus orixinais ata o 17 de abril de 2020. Para esta modalidade de narración establécese un premio dotado con 1.500 euros.
Na modalidade de ilustración poderán concorrer ó premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XVII Premio "Pura e Dora Vázquez" de narración xuvenil, e sempre tratando de que estas queden repartidas ao longo do texto a ilustrar.
As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte:
a) Ilustración de portada: 145 x 210 mm., tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm., tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue.
b) Ilustracións interiores: 296 x 216 mm., sobre páxina con sangue.
A presentación de orixinais rexerase polas mesmas regras establecidas para a modalidade de narración e o prazo de admisión de orixinais remata o 8 de xullo de 2020. Ao igual que na modalidade de narración, tamén para ilustración se establece un premio de 1.500 euros.
A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal nas condicións establecidas na Ordenanza reguladora de Publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.
Deportes
No apartado deportivo, a Xunta de Goberno aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso para a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos 2020, así como as bases para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades de municipios para a organización de actividades físico-deportivas, ambas para o 2020.
O obxecto das primeiras bases é regular a concesión de axudas a entidades deportivas e entidades sen ánimo de lucro para a organización de eventos deportivos para realizar durante o exercicio de 2020, coa finalidade de contribuír ao mantemento dunha actividade deportiva ampla, orientada ao público en xeral e baseada principalmente nos conceptos de deporte – saúde e deporte para todos. Consideraranse eventos deportivos, para os efectos desta convocatoria, as actividades físico-deportivas de carácter específico e puntual, que impliquen a práctica de disciplinas deportivas recoñecidas polas federacións deportivas, ou actividades físicas semellantes, ben sexa con carácter competitivo ou con carácter non competitivo, tales como campionatos e torneos, carreiras, andainas ou rutas de sendeirismo e marchas ou rutas cicloturistas.
Poderán ser beneficiarios deste programa as entidades deportivas e outras entidades sen ánimo de lucro con enderezo social na provincia de Ourense, que contemplen nos seus estatutos, como obxecto social, entre outros, a promoción e difusión do deporte na nosa provincia. A este respecto, advírtese que os eventos débense desenvolver, maioritariamente, na provincia de Ourense. No caso de eventos propostos por estruturas federativas, a solicitude poderá proceder da federación galega da modalidade respectiva.
A dispoñibilidade orzamentaria para esta convocatoria ascende aos 70.000 euros e a contía das axudas consistirá nunha porcentaxe do orzamento da actividade, podendo acadar un máximo do 50% do custo estimado da actividade, non podendo superar, en ningún caso, a contía máxima de 10.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes, ao tratarse dunha convocatoria aberta, establécense os seguintes períodos: o 1º período vai desde a data de publicación das bases pola Base de Datos Nacional de Subvencións ata o 30 de abril de 2020, cun orzamento de 50.000 euros, e o 2º período vai do 1 de xullo ao 31 de xullo de 2020, cun orzamento de 20.000 euros. Si se presenta no segundo período algún evento con data de celebración no primeiro semestre do ano, será excluído automaticamente e se no primeiro período de valoración non se esgotase o crédito asignado, acordarase, a incorporación da parte do crédito non disposta ao seguinte período de valoración. Así mesmo, os solicitantes soamente poderán presentar, como máximo, tres solicitudes ao abeiro desta convocatoria, debendo presentar unha solicitude para cada un dos proxectos para os que se pide subvención.
Na reunión aprobáronse tamén as bases reguladoras da convocatoria para a concesión de axudas a concellos e mancomunidades de municipios para organización de actividades físico-deportivas 2020, coa finalidade de financiar actividades e programas deportivos para o ano 2020.
As actividades que poden optar a axudas no marco desta convocatoria son as seguintes:
a. Eventos deportivos, referidos ás actividades con carácter específico e puntual, que comporten a realización de actividades físicas, semellantes ás deportivas, que se correspondan con hábitos de vida saudables, tales como: andainas e carreiras populares, torneos e campionatos de interese popular, xornadas e diadas deportivas, ou marchas e rutas en bicicleta, a cabalo, en piragua, ou similares.
b. Programas deportivo-recreativos, entendidos como aquelas actividades planificadas, realizadas de maneira regular durante un período de tempo específico, que se debe corresponder coa temporada deportiva coincidente co exercicio económico para o que está designada esta convocatoria, e que estean destinadas á poboación en xeral. Os programas poden ser:
b.1. Programas de actividade físico-deportiva para adultos e persoas maiores (ximnasia de mantemento, aeróbic, tai-chi, ioga, pilates, cachibol, xogos populares e tradicionais, etcétera).
b.2. Programas destinados á promoción ou divulgación dunha especialidade deportiva mediante a súa práctica (escolas deportivas, cursos de iniciación ao deporte, psicomotricidade, etcétera).
As solicitudes para estes programas poderán incluír varias actividades.
Poderán beneficiarse deste programa os concellos ourensáns de menos de 20.000 habitantes e as mancomunidades de municipios da provincia de Ourense. A dispoñibilidade orzamentaria para esta convocatoria ascende aos 60.000 euros e as axudas consistirán nunha porcentaxe do orzamento do programa ou actividade presentado, que pode ser como máximo o 50% do custo total para os concellos de máis de 3.000 habitantes e mancomunidades e ata o 70% para os concellos de menos de 3.000 habitantes. Pero, ningunha entidade poderá obter axudas por importe superior a 3.000 euros para o conxunto dos distintos proxectos que presente.
Os interesados en solicitar ditas axudas teñen de prazo para facelo desde a publicación da convocatoria pola Base de Datos Nacional de Subvencións ata o 30 de abril de 2020. Os solicitantes soamente poderán presentar como máximo tres solicitudes, debendo presentar unha solicitude para cada un dos proxectos para os que se pide axuda.
Continuando en materia deportiva, a Xunta de Goberno aprobou catro axudas a diferentes entidades para as escolas deportivas, deste modo, concedeu unha axuda de 6.963 euros para a Asociación Ourensana de Xadrez, 3.000 euros para a Federación Galega de Balonmán, e para a Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas aprobou dúas axudas de 2.180 euros e 3.000 euros para as escolas deportivas de 2018 e 2019.
Cooperación con concellos
Por último, no relativo á cooperación con concellos da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 12.794 euros para o Concello de Riós destinada á recuperación, posta en valor e sinalización de recursos turísticos en Cortegada; e para o Concello de Xunqueira de Espadanedo, aprobou unha axuda de 50.000 euros para os gastos de mantemento e funcionamento do Museo de Alfarería. Asemade, aprobouse a expropiación forzosa para a execución das obras de "acondicionamento e mellora integral na OU-0214 Outomuro-Vilavidal", no termo municipal de Ramirás.