A Corporación provincial posiciónase por unanimidade na procura do impulso ás infraestruturas estratéxicas e a captación de investimentos industriais para Ourense
Unha iniciativa aprobada hoxe no pleno da Deputación pide á Xunta de Galicia que continúe priorizando e executando o desenvolvemento de chan empresarial en parques estratéxicos como os de Xinzo de Limia, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz ou Carballiño-Maside, así como ao Goberno central que priorice infraestruturas de comunicación por estrada e ferrocarril
A sesión desta mañá tamén aprobou tres propostas máis para adaptar o transporte público por estrada de titularidade autonómica aos horarios dos trens na estación da Gudiña; a execución dos tramos pendentes da ronda leste A-52/A-76, así como un acceso viario real e efectivo ao polígono industrial de San Cibrao; e un novo modelo de compensación adaptado a Galicia como territorio coa maior parte da produción hidroeléctrica do Estado, de xeito que se reduza o recibo nas familias e Pemes en concellos con encoros
O Pleno aprobou ademais outros asuntos de trámite como un Recoñecemento extraxudicial de crédito, a conta xeral de 2025 da Deputación e organismos dependentes, e senllas prórrogas dos convenios para o financiamento de residencias de maiores na Gudiña, Laza e Piñor.
Ourense, 26 de xuño de 2026.
A Corporación provincial de Ourense, no pleno correspondente ao mes de xuño, aprobou hoxe por unanimidade unha iniciativa a prol do impulso ás infraestruturas estratéxicas e á captación de investimentos industriais na provincia.
Entre os acordos que incluía esta proposta figura que se continúe priorizando e executando o desenvolvemento de chan empresarial en parques estratéxicos como os de Xinzo de Limia, San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Paderne de Allariz ou Carballiño-Maside.
Así mesmo pídese ao Goberno autonómico, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que manteña unha prospección activa nos mercados nacionais e internacionais, co fin de captar novos proxectos que poñan en valor o potencial loxístico e industrial de Ourense.
Por outra banda, solicítase tamén ao Goberno de España que priorice de forma urxente as infraestruturas pendentes no territorio. O acordo detalla demandas clave para a competitividade das empresas e a seguridade viaria, como a construción da estación de mercadorías por ferrocarril no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, a renovación das liñas ferroviarias do interior cara Lugo e Vigo, e a execución da autovía A-76.
Adicionalmente, reclámase ao Executivo central a reparación integral das estradas N-120 e N-540, debido á grave deterioración acumulada no firme e á presenza de fochancas que actualmente comprometen a mobilidade e seguridade de persoas e mercadorías.
Reclámase por outra banda ao Goberno galego que garanta a execución de 126,1 M€, reflexándoos nos orzamentos da Xunta para o desenvolvemento de solo empresarial na provincia de Ourense para o período 2026-2030, a través dunha programación realista e anualizada.
Esta moción fundaméntase no momento decisivo que vive Ourense para consolidar o seu desenvolvemento económico, xerar emprego cualificado e fixar poboación. A provincia, engádese, conta con vantaxes competitivas esenciais -recursos naturais, posición xeográfica, capital humano e dispoñibilidade de chan industrial- que deben ser promocionadas de forma decidida. Por iso, o texto subliña que resulta vital resolver os déficits de conectividade actuais, garantindo así unhas comunicacións adecuadas ás necesidades dunha provincia que aspira a seguir crecendo.
Conexión por autobús coa estación da Gudiña
O Pleno tamén aprobou, por unanimidade, unha moción sobre a adaptación dos servizos de transporte público por estrada á oferta ferroviaria vixente na estación da Gudiña-Porta de Galicia.
Neste sentido pídese á Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes que adapte, con carácter urxente, os horarios dos servizos de autobús de titularidade autonómica que conectan a estación da Gudiña coas comarcas de Valdeorras, Viana e Verín, garantindo unha conexión con chegada previa á saída do tren das 7:44 horas cara Madrid, así como a cobertura dos restantes servizos ferroviarios en ambos sentidos.
Solicítase que desde a Deputación de Ourense, en colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade, Renfe e os concellos das comarcas afectadas, aváncese cara á adopción dun protocolo estable de coordinación intermodal na estación da Gudiña, que inclúa mecanismos de actualización automática dos horarios de autobús ante calquera modificación da programación ferroviaria.
Acceso viario efectivo ao polígono de San Cibrao
Continuando co capítulo de proposicións, a Corporación deu o visto bo unánime a unha moción na que se pedía a execución dos tramos pendentes da ronda leste A-52/A-76, así como un acceso viario real e efectivo ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
Na proposta solicítase á Xunta de Galicia, como administración responsable da planificación e execución das infraestruturas viarias recollidas no seu Plan Sectorial, a que licite as actuacións pendentes da ronda leste A-52/A-76, co fin de crear un acceso directo de alta capacidade entre a autovía A-52 e o polígono de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico de Galicia.
Tamén se reclama á Xunta de Galicia, á Deputación de Ourense e ao Concello de San Cibrao que garantan os compromisos públicos adquiridos no Foro Ourense Industrial de outubro de 2025, pedindo ademais ao Estado que tramite e provea a dotación económica necesaria para que, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de San Cibrao, garántase a curto prazo a execución da estación de mercadorías por ferrocarril do polígono industrial.
O papel de Ourense como xeradora de enerxía eléctrica
Por último, o Pleno aprobou unha iniciativa sobre o papel que xoga a provincia de Ourense como xeradora de enerxía eléctrica, pedindo en primeiro lugar ao Goberno do Estado e ás confederacións hidrográficas un sistema que reverta unha parte significativa da recadación das taxas e canons por aproveitamento hidroeléctrico cara aos concellos con encoros, con criterios obxectivos como a potencia instalada, a superficie alagada e o impacto socioambiental.
Así mesmo, esíxese á Xunta de Galicia que defenda un novo modelo de compensación adaptado á realidade galega, como territorio onde está situada a maior parte da produción hidroeléctrica do Estado, de xeito que redunde nunha redución substancial do recibo nas familias que residen en concellos con encoros.
Por outra banda, a proposta compromete á Deputación a impulsar, en colaboración coa Xunta de Galicia e os axentes sociais, un Plan Industrial e de Desenvolvemento Local vinculado á enerxía, para atraer industrias e servizos da transición ecolóxica e promover proxectos de economía social e turismo sostible.
Ademais, exponse condicionar a concesión de axudas públicas en favor dos municipios máis afectados e con maior declive demográfico, xunto coa aplicación dun modelo de mellora no recibo ás actividades económicas das Pemes situadas neses concellos.
Os acordos inclúen o recoñecemento explícito de que os impostos municipais actuais (como o IBI ou o ICIO) non bastan por si sós para fixar poboación ou xerar tecido industrial. Por iso, a institución provincial comprométese a enfocar a súa acción política en transformar a enerxía en emprego e benestar.
Todos estes acordos, conclúe a moción, serán comunicados á Femembalses, á FEMP, o Goberno central, confederacións hidrográficas, Xunta de Galicia e concellos.
Recoñecemento extraxudicial de crédito, conta xeral de 2025 e convenios para o financiamento de residencias de maiores
Con anterioridade e no apartado de asuntos de trámite, o Pleno abordou un amplo capítulo económico que comezou por un expediente de Recoñecemento Extraxudicial de Crédito por importe de 3,1 M€, correspondentes a 346 gastos, ademais dunha modificación das bases de execución do vixente orzamento, que non afecta cuantitativamente ao documento, senón que recolle as solicitudes presentadas para o cambio de finalidade ou beneficiario das subvencións concedidas a concellos e entidades. Os cambios corresponden aos concellos da Veiga; Bande; Maside; e O Barco, así como á Universidade de Vigo; o Grupo Cuevas; o Club Náutico Ribeiro; e a Fundación do Médico Rural de Maceda
Neste mesmo apartado deuse o visto bo á conta xeral do exercicio de 2025 correspondente á Deputación, Inorde, Consorcio contra incendios e Salvamento, e Consorcio de Augas de Valdeorras.
Tamén quedaron aprobadas tres addendas de prórroga aos convenios de colaboración que a Deputación de Ourense asinou cos concellos da Gudiña, Laza e Piñor para financiar a construción de residencias para maiores. Os acordos aprobados teñen como fin ampliar a vixencia dos convenios, de tal modo que se establece como prazo máximo e improrrogable de xustificación o 10 de outubro deste ano.
A orde do día incluíu tamén o cambio de data do pleno ordinario de xullo, que se celebrará o día 23, ademais da reversión ao Concello de Vilar de Barrio da finca “O Caudillo” -onde se sitúa o Centro de Educación Ambiental e Albergue das Corcerizas-, unha vez rematado o prazo de 25 anos de dereito de uso que ostentaba a Deputación de Ourense.