Declaración conxunta dos grupos provinciais do PP e do PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense contra a violencia de xénero
Os grupos provinciais do PP e do PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense subscriben a seguinte declaración na conmemoración o vindeiro domingo do "Día contra a violencia de xénero" correspondente ao ano 2012:
A violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das persoas. É a manifestación máis clara da senrazón e unha das peores lacras sociais que sofre a nosa sociedade.
Nos últimos anos téñense dado pasos relevantes a nivel legal, superando unha visión que reducía o problema ao ámbito privado e asumindo que a loita contra a violencia de xénero é un problema de primeira magnitude e que na súa erradicación deben implicarse o conxunto de poderes públicos e a sociedade.
É verdade que se ten conseguido unha maior concienciación social sobre este problema, pero o camiño aínda se prevé longo para acadar a desaparición desta lacra social. O cambio virá do compromiso da cidadanía e das administracións, das vítimas, das súas familias e do seu entorno, e dos medios de comunicación, todos xuntos insistindo e traballando sen descanso por esa "tolerancia cero" contra a violencia de xénero, denunciando calquera comportamento agresivo, sen paliativos nin demagoxias.
Temos que seguir no camiño da deslixitimación da violencia por todos e cada un de nós e manter unha firme loita social para evitar que este tipo de violencia lle custe a vida anualmente a decenas de persoas, sinaladamente mulleres. Unha deslexitimación da violencia na que se debe seguir incidindo desde todos os ámbitos e singularmente desde o ámbito público.
A prevención é o comezo dese camiño para saír da violencia, e a partir de aquí, as administración publicas deben seguir desenvolvendo todos os recursos necesarios neste ámbito, do mesmo xeito que incidir na protección dos menores que son as vítimas mais indefensas desta violencia.
Os grupos do PP e do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense manifestan ademais da súa solidariedade con todas as vítimas da violencia de xénero e as súas familias, o seu firme compromiso de seguir colaborando no impulso de políticas de igualdade, prevención e asistencia dirixidas ás persoas que sofren este tipo de violencia cada día.
É necesario que a sociedade e a opinión pública sigan a tomar conciencia deste problema cada día máis, e para elo é fundamental incidir na sensibilización da poboación para que se produza un cambio de valores co obxectivo de que o diálogo e as actitudes cívicas primen sempre por riba da violencia, preservando así os dereitos que a cada persoa lle outorga un Estado democrático.