A Deputación apoia Festa de recreación do prensado nos lagares rupestres coa que Oímbra festexa a fin da vendima

Compartir

O concello con máis lagares rupestres catalogados (máis de 20) pon en valor esta tradición ancestral que data da idade media, este ano co apadriñamento do grupo adegueiro xerezano "Familia González Byass", que dentro da súa iniciativa "Ángel de viñas", promove as iniciativas que enxalzan e recuperan as tradicións vitivinícolas por todo o territorio español

O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, e a alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, presentaron esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel a celebración desta festa, que terá lugar este domingo día 6

Ourense, 1 de outubro de 2024.

O municipio de Oímbra sempre estivo ligado á viticultura, chegando a ser unha potencia desde hai séculos, tal e como testemuña a maior concentración de lagares rupestres catalogados que existen en Galicia, contabilizándose máis de 20. Esas estruturas, xa desde a época medieval, amosan a tradición da vinificación nas propias viñas, e como logo se transportaba o viño cara as adegas.

Baixo estes parámetros, o Concello de Oímbra organiza desde 2018 a "Festa de recreación do prensado nos lagares rupestres", só interrompida durante os anos 2020 e 2021 por mor da pandemia. Este ano, ademáis, co apadriñamento do grupo adegueiro xerezano Familia González Byass, que dentro da súa iniciativa "Ángel de viñas", promove as iniciativas que enxalzan e recuperan as tradicións vitivinícolas por todo o territorio español.

Así, o explicou a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, durante a presentación desta recreación festiva que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación, e na que estivo acompañada polo deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, quen salientou o valor simbólico, histórico e tradicional desta festa que pon fin á vendima.