A Deputación apoia a VIII Antiq Auria, a feira de antigüidades máis importante de Galicia
Ourense, 6 de novembro de 2024.
Expourense acolle esta fin de semana a oitava edición de Antiq Auria, Feira Internacional de Antigüidades, que reunirá a 42 expositores procedentes de 5 países (España, Portugal, Bélxica, Suíza e Francia) que expoñerán máis de 20.000 obejtos. Segundo os seus organizadores, a Asociación "Memoria Antiga" de Ourense, converteuse xa en "a mellor feira de antigüidades de Galicia e unha das mellores do noroeste peninsular, porque así nolo din tanto os expositores como os visitantes". Expourense colabora un ano máis con esta asociación de empresarios anticuarios da provincia de Ourense na posta en marcha deste evento que conta tamén co apoio da Deputación Provincial de Ourense.
A 8ª edición de Antiq Auria foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galicia e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo Cid; o deputado de Representación Institucional da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Representando a Memoria Antiga participaron o seu cofundador, José Antonio Ferreiro, e o empresario asociado Celso Araujo Meixengo.