A Deputación aposta polo baloncesto veterano federado co Torneo DepOUbasKet Másters +35
Xogadores e xogadoras da provincia e convidados de toda Galicia disputarán no Pazo Paco Pac mañá sábado, 23 de novembro, esta nova cita da competición veterana da Federación Galega de Baloncesto (FEGABA)
Ourense, 22 de novembro de 2024.
Deputación de Ourense e Federación Galega de Baloncesto achegan a Ourense o Baloncesto Veterano coa organización do "Torneo DepOUbasKet Másters + 35".
A pista do Pazito, no Pazo dos Deportes "Paco Paz", acollerá este sábado, 23 de novembro, a chegada da competición veterana da FEGABA, unha nova plataforma para seguir dando a coñecer a súa firme aposta pola práctica do deporte máis alá dos 35 anos, nun sector de poboación no que o deporte federado está en plena consolidación.
Imprenta CB, Club Pereiro Baloncesto e Almacéns Gamallo AB Xinzo, os tres equipos representantes da provincia de Ourense na actual Liga Masculina de Veteranos FEGABA, serán os principais protagonistas deste "Torneo DepOUbasKet Másters + 35", contando xunto a eles coa presencia do CD Galogrín, procedente de Santiago de Compostela.
Os catro equipos trasladarán a emoción da competición veterana a Ourense e vivirán unha nova xornada en modo cuadrangular, que se estenderá desde as 11:00 h ata as 19:30 h.
En categoría feminina, representando no seu caso á Liga de veteranas FEGABA, competirán no Torneo un combinado de xogadoras da provincia de Ourense e o CB Val de Lemos. O seu duelo terá lugar en horario de tarde (17:30 h).
Todos os equipos compartirán pista e xantar de confraternización, remarcando así o auxe do Deporte Veterano en Galicia.
O Baloncesto Galego di NON
O "Torneo DepOUbasket Másters + 35" unirase tamén ás accións simbólicas que a Federación Galega de Baloncesto realizará no marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
As xogadoras e xogadores participantes sumaranse ao NON do Baloncesto Galego á violencia de xénero e ao seu compromiso coa erradicación da mesma.