A Deputación aproba achegas para o ámbito rural, turístico, infraestruturas, cultura e de apoio á internacionalización de empresas

Compartir

Ourense, 23 de setembro de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou na reunión celebrada hoxe diversas axudas para cooperar con concellos e entidades en proxectos culturais, rurais, turísticos, de infraestruturas e de apoio á internacionalización de empresas. En concreto, aprobou unha achega de 100.000 euros para a Confederación Empresarial de Ourense, para o Plan Exportou, e outra de 12.000 euros para o Colexio de Farmacéuticos de Orense, destinada ao Plan de Apoio Farmacias Medio Rural, e tamén outra achega de 40.000 euros para a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Vigo, Campus de Ourense, para o estudo arqueohistórico do Val do Bubal.

Asemade aprobou modificacións do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial 2019, relativas ás obras municipais nos concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Ribadavia. No caso de Vilar de Santos a achega será para a obra de mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública de Parada e Outeiro, cun orzamento total de 48.000 euros; a Rairiz de Veiga destina 48.000 euros para a construción de beirarrúas na Saínza, e a Ribadavia, 48.000 euros para o acondicionamento da contorna de Arquetiña na Franqueirán.

Tamén aprobou a Xunta de Goberno a programación anual da Escola de Danza para o curso 2019-2020, que contará con obradoiros de baile tradicional; canto tradicional e pandeireta; gaita para grupos de acompañamento de baile tradicional; tecido artesán en teares tradicionais; xogos populares e baile tradicional. Desde o 24 de setembro ata o 31 de outubro queda aberto o prazo para a formalización da matrícula, e as inscricións pódense realizar no CCP Xaquín Lorenzo, situado no centro comercial As Lagoas.

Outras das iniciativas aprobadas é unha achega por importe de 18.000 euros, a favor do Club de Montañismo Montañas de Trevinca, para actividades formativas Alta Montaña; e outra achega de 22.000 euros para Mundinova SLNE, para documental "Caminos de Tierra". Tamén aprobou destinar para a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro un total de 70.000 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2019; e unha achega para a Asociación Musical de Trasmiras, por importe de 15.000 euros, para material e equipamento.

No ámbito da cooperación con Expourense, a Xunta de Goberno acordou destinar un total de 60.000 euros para a feira "Vinis Terrae" 2019, e no que atinxe a cooperación cos concellos ditamina a aprobación definitiva do proxecto de expropiación por taxación conxunta para a construción do cemiterio municipal de Beariz, e, por outra banda, a aprobación definitiva da declaración da necesidade de ocupación urxente dos bens e dereitos afectados pola expropiación para ensache da OU-0210 Leirado-Pontedeva.