A Deputación aproba a concesión de máis de 700.000 en subvencións para cooperación e actividades culturais e recreativas
Ourense, 13 de setembro de 2021.- A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de máis de 700.000 euros en subvencións para actividades culturais, iniciativas empresariais e educativas e cooperación cos concellos.
Entre os asuntos incluídos na orde do día figura a resolución do concurso para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para actividades culturais e recreativas, por un importe superior a 99.000 euros. As axudas irán dirixidas a preto de cincuenta asociacións musicais, folclóricas, veciñais, culturais, de pais e nais de alumnos e deportivas para a organización dun amplo abano de iniciativas relacionadas co teatro, a literatura, danza, exposicións, vídeos, revistas, recuperación do patrimonio, obradoiros, andainas ou festas tradicionais, entre outras.
No capítulo de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 50.000 euros para o Concello de Baltar destinados á elaboración dun plan cultural; 48.000 euros para mantemento e mellora de camiños na Bola; e tamén preto de 48.000 euros para a pavimentación do núcleo rural de San Fiz en Chandrexa de Queixa. O Concello de Esgos recibirá dúas axudas: a primeira delas por un importe próximo a 37.000 euros para obras de asfaltado entre as poboacións de Casanova e Fondo de Vila, e a segunda por un valor superior a 16.000 euros para pavimentación en varios puntos do municipio. A Merca percibirá máis de 30.000 euros para a mellora dos sistemas de control e dosificación no abastecemento de auga; Montederramo contará con 48.000 euros para pavimentar a estrada que une Abeledos e Gorgullón; Monterrei disporá de 30.000 euros para infraestruturas deportivas; e Xunqueira de Ambía terá 150.000 euros para a rehabilitación da antiga casa cuartel.
Polo que respecta a cooperación con entidades aprobouse unha subvención de 50.000 euros para actividades e proxectos do Círculo de Empresarios de Galicia; 35.000 euros para obras e equipamento do Consello Regulador de Denominación de Orixe Monterrei; 31.000 euros para o grupo Sarabela con destino ao Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e á Mostra de Teatro Universitario (MITEU); 25.000 euros para gastos de funcionamento da Fundación Sotelo Blanco; e a mesma cantidade para unha exposición sobre bioconstrución climática do instituto das Lagoas.