A Deputación aproba máis de 600.000 euros en axudas para cooperación cos concellos, promoción económica, universidade, cultura e deporte

Compartir

Ourense, 22 de novembro de 2021.- A xunta de goberno da Deputación de Ourense aprobou a concesión de máis de 600.000 euros en subvencións destinadas á cooperación cos concellos e entidades relacionadas cos ámbitos da promoción económica, universidade, deporte ou cultura, entre outros.

Polo que respecta á cooperación con entidades, a Deputación aprobou unha achega de 6.000 euros a favor da Banda de Música do Barco de Valdeorras para a adquisición de material; 12.000 euros para o Club Recreativo As Burgas para inclusión social; 10.000 euros para a federación veciñal Limiar de Ourense con destino a gastos de funcionamento do presente ano, o mesmo destino que os 17.000 euros concedidos á Fundación Carlos Velo.

A Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, recibirá dúas axudas, a primeira delas para a edición 2021 de Termatalia por valor de 9.680 euros e unha segunda achega de 12.000 euros para a roza e limpeza de terreos lindeiros. A Fundación Insua dos Poetas contará con 18.000 euros para gastos da entidade neste exercicio, e a Real Academia Galega de Belas Artes con 12.000 euros para gastos de funcionamento. Tamén se aprobou unha achega de 12.100 euros para Triente SL con motivo da etapa da Gold River Rice 2021 celebrada na provincia, e por último neste capítulo unha subvención de 220.000 euros á Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades educativas, culturais e deportivas no campus de Ourense.

No tocante á cooperación cos concellos, a xunta de goberno concedeu tres axudas ao concello de Carballeda de Valdeorras: 25.000 euros para traballos medioambientais, 10.000 para o campamento de verán deste ano e preto de 12.000 para servizos sociais. Tamén Castrelo de Miño disporá de tres achegas: 10.000 euros para a adquisición dun vehículo ECO, preto de 15.500 para a reforma e ampliación dun edificio para usos múltiples e a construción dun parque infantil, e case 15.000 para a urbanización da contorna da vivenda comunitaria e da Casa do Maior de Vide.

O Concello de Castrelo do Val contará con 12.400 euros para o arranxo dunha fosa séptica; Gomesende recibirá 48.000 euros para as obras de beirarrúas e o acceso ao centro de saúde; e A Gudiña vai dispoñer de 100.000 euros para a ampliación e cambio de cuberta do punto de atención ao maior. O Concello do Irixo terá unha axuda de 12.000 euros para promoción da súa marca agroalimentaria; Larouco investirá algo máis de 7.000 euros na redacción de proxectos; Muíños contará con 4.000 euros para o II Trail do Xurés deste ano; Punxín recibirá algo máis de 3.000 euros para a adquisición de material informático; e San Cristovo de Cea recibirá 25.000 euros para a actividade cultural e institucional do concello.

Os asuntos incluídos na orde do día da xunta de goberno complétanse cunha modificación do plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial, a fixación de prezos públicos para distintas publicacións e a resolución do contrato de prestación de servizo na Escola de Equitación da Deputación.