A Deputación aproba o Plan Provincial de Cooperación e o Plan Complementario, cun orzamento de máis de 9,4 millóns de euros

Compartir

  • O pleno de hoxe da corporación provincial aprobou tamén a adhesión da institución provincial á "Asociación Camiño Xeración Nós".

Ourense, 31 de xaneiro de 2020.- O pleno da Deputación de Ourense aprobou inicialmente hoxe, na sesión ordinaria correspondente ao mes de xaneiro, o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2020 cun orzamento de 6.573.260 euros -dos cales a Deputación achegará 5.938.500 euros e os concellos 634.760 euros- e 2.918.735 euros para o Plan complementario. En total: 9.491.995 euros.

Dentro do Plan de cooperación, a institución provincial destinará un orzamento de 4.294.500 euros para as obras municipais, asumindo os concellos, pola súa parte, os 634.760 euros anteriormente citados. Ademais, no Plan recóllese un investimento de 144.000 euros que aportará a Deputación para o réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta, así como un orzamento de 1.500.000 euros destinado á rede viaria da Deputación.

No apartado cultural, a corporación provincial aprobou a adhesión da Deputación á "Asociación Camiño Xeración Nós" que ten como finalidade ser o núcleo de integración e representación dos diferentes axentes interesados en promover o desenvolvemento deste camiño. A asociación ten como fins principais regular e promocionar o citado camiño, sendo o centro receptor e distribuidor de toda a información relativa ao mesmo, así como a potenciación, revalorización e preservación dos recursos naturais, culturais, históricos e artísticos da zona, especialmente os relacionados co paso do antigo camiño de peregrinación a Santiago de Compostela.

A totalidade dos acordos do pleno foron os seguintes:

MODIFICACIÓN REPRESENTANTE SUPLENTE DO GRUPO SOCIALISTA NO INORDE

Acordo:

Modificar a representación do Grupo Socialista no INORDE, quedando como segue:

- D.ª Margarita Pérez Fernández (suplente: dona Rosario Rodríguez Delgado).

MODIFICACIÓN DO ARTIGO 15.2 DOS ESTATUTOS DO INORDE

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación do artigo 15.2 dos Estatutos do INORDE, quedando redactado do seguinte xeito:

"2. O xerente será designado polo Consello Reitor, tras a convocatoria pública e con respecto aos principios de mérito e capacidade e con criterios de idoneidade. Dados os especiais fins institucionais do INORDE non se esixirá para o acceso ao posto de xerencia a condición de funcionario de carreira do subgrupo AI. En todo caso será requisito para o acceso ao posto dispor da titulación esixida para o acceso ao emprego público en prazas do subgrupo A1 e dispor dunha experiencia mínima de 5 anos de exercicio profesional. Seralle de aplicación á xerencia o réxime de persoal directivo establecido na lexislación vixente coas peculiaridades establecidas nos presentes estatutos"

2º.- Someter o presente expediente e o acordo de aprobación inicial ao trámite de información pública, por un prazo de trinta (30) días hábiles, mediante a inserción de anuncios no BOP de Ourense e na sede electrónica da Deputación, de conformidade co previsto no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Durante o dito prazo, as persoas interesadas poderán formular as reclamacións que consideren oportunas, as cales deberán ser resoltas polo pleno da Corporación Provincial, a través de acordo de aprobación definitiva. No caso de que non se formulasen reclamacións en prazo, o acordo de aprobación inicial elevarase a definitivo, sen necesidade de acordo plenario expreso.

DELEGACIÓN DO CONCELLO DE CENLLE NA DEPUTACIÓN DO EXERCICIO DAS COMPETENCIAS DE RECADACIÓN

Acordo:

Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Cenlle a favor da Deputación Provincial, mediante acordo plenario de data 18 de decembro de 219, para a recadación executiva dos gastos derivados de execucións forzosas dos artigo 99 e 100 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nas condicións recollidas no acordo de delegación do Concello de Cenlle, sendo en todo caso de aplicación as seguintes condicións xerais:

a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da recadación en vía executiva, ditando todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.

b) Para o exercicio da competencia delegada o concello debería remitir as oportunas certificacións de descuberto do tributo ao que se refire.

c) A taxa para satisfacer polo concello pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100% da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario conforme co establecido no artigo 6, apartado b) da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.

d) A presente delegación estará vixente a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia durante un prazo de catro anos, prorrogándose tacitamente por períodos de 4 anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándollo á outra cunha antelación non inferior a 6 meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga.

MODIFICACIÓN DOS CRÉDITOS ORZAMENTARIOS DO ORZAMENTO DO EXERCICIO 2020 MEDIANTE A CONCESIÓN DE CRÉDITO EXTRAORDINARIO N.º 1/2020

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a modificación de créditos do expediente n.º 1/2020, co seguinte detalle:

Créditos extraordinarios. Gastos de investimentos:

Aplicación

Expresión

Importe

433.00/831.00

Desenvolvemento empresarial. Préstamo a longo prazo

332.770,98 €

2º.- De acordo co artigo 169 da Lei reguladora das facendas locais, por remisión do artigo 177.2 do mesmo texto legal, o expediente será exposto ao público, tras o anuncio no Boletín Oficial da Provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalo e presentar reclamacións ante o Pleno.

O expediente considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

APROBACIÓN INICIAL DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS 2020

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente o Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais 2020 (Plan Base), co detalle que figura na relación de obras para o efecto redactada, co seguinte resumo:

PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN E ESTRADAS

 

DEPUTACIÓN

CONCELLOS

TOTAL

1.- Obras municipais

4.294.500,00 €

634.760,00 €

4.929.260,00 €

2.- Réxime especial para concellos en situación de insuficiencia financeira manifesta

144.000,00 €

 

144.000,00 €

2.- Rede Viaria Deputación

1.500.000,00 €

 

1.500.000,00 €

TOTAL

5.938.500,00 €

634.760,00 €

6.573.260,00 €

 

PLAN COMPLEMENTARIO

 

DEPUTACIÓN

CONCELLOS

TOTAL

Obras municipais

2.831.985,00 €

86.750,00 €

2.918.735,00 €

Rede Viaria Deputación

3.619.879,00 €

 

3.619.879,00 €

 

2º.- Someter o Plan a información pública mediante anuncio no BOP, para que se poidan formular alegacións ou reclamacións durante o prazo de 10 días. Se se presentan alegacións ou reclamacións o Plan debe ser sometido novamente a Corporación Provincial, para o acordo de aprobación definitiva.

No caso de que non se presenten alegacións ou reclamacións, o Plan entenderase definitivamente aprobado, sen necesidade de novo acordo.

ADHESIÓN DA DEPUTACIÓN DE OURENSE Á "ASOCIACIÓN CAMIÑO XERACIÓN NÓS"

Acordo:

1º.- Solicitar a adhesión da Deputación Provincial de Ourense á "ASOCIACIÓN CAMIÑO XERACIÓN NÓS".

2º.- Manifestar a conformidade desta entidade cos compromisos e obrigacións recollidos na Acta Fundacional da Asociación, asinada na data 21.12.2019, e aprobar de xeito expreso os Estatutos da citada Asociación.

3º.- Designar como representante da Deputación Provincial de Ourense na Asamblea Xeral da Asociación, ao deputado provincial Armando Ojea Bouzo, actuando como suplente deste, a tamén deputada provincial Ana Patricia Torres Madureira.

APOIO ÓS ÓRGANOS CONSTITUCIONAIS E PARA INSTAR AO ACTUAL GOBERNO DE ESPAÑA A NON REALIZAR CONCESIÓNS AOS GRUPOS INDEPENDENTISTAS

Acordo:

1.- Que a Deputación de Ourense mostre o seu apoio e respecto ao ordenamento xurídico español e a todos os órganos constitucionais, incluídos a Xefatura de Estado.

2.- Que a Deputación de Ourense inste ao grupo parlamentario EH-Bildu para que o seu portavoz se retracte das palabras que, contra a Coroa e a nosa democracia, proferiu no Pleno de investidura do pasado 5 de xaneiro de 2020.

3.- Que a Deputación de Ourense inste ao actual presidente do Goberno a non realizar concesións aos grupos independentistas nin a levar a cabo a creación dunha "mesa de negociación institucional entre os gobernos de España e Cataluña".

4.- Que a Deputación de Ourense inste ao presidente do Goberno a que cumpra a súa promesa de recuperación do delito de referendo ilegal.

SOLICITAR AO CONGRESO DOS DEPUTADOS QUE SE INTERPELE AO PRESIDENTE DO GOBERNO SOBRE OS ACORDOS ALCANZADOS CON INDEPENDENTISTAS E POPULISTAS E SE REXEITE A ACTUACIÓN DUN PRESIDENTE QUE PACTOU CON AQUELES QUE QUEREN ACABAR CO CONSENSO CONSTITUCIONAL

Acordo:

I. Instar ao presidente do Goberno a romper o seus acordos con ERC e Bildu.

II. Instar a todos os grupos parlamentarios do Congreso a que os seus deputados e deputadas, como representantes de toda a cidadanía española, soliciten a comparecencia do Sr. Sánchez para ser interpelado sobre os seguintes aspectos:

1. Se a súa afirmación de "deixar atrás a xudicialización do conflito" implica:

a) Reverter politicamente as condenas que a xustiza impuxo aos condenados por delito de sedición, entre outros, cando en outubro de 2017 vulneraron a lei co obxectivo de romper a nosa nación.

b) Non actuar con toda a forza da lei e a xustiza españolas contra aqueles dirixentes políticos que, como Torra, xa afirmaron que desobedecerán as resolucións xudiciais e seguirán tentando lograr a independencia de Cataluña por calquera vía.

2. Se a súa afirmación de "que a lei non basta" supón abandonar a obrigación de todo cidadán, unha obrigación legal e moral que se amplifica no caso dun cargo público, de denunciar delitos e comportamentos contrarios da lei.

3. Como poderá cumprir o establecido nos artigos 1.2 e 92.1 da nosa Constitución ("a soberanía reside no pobo español" e "as decisións políticas de especial transcendencia poderán ser sometidas a referendo consultivo de todos os cidadáns"), cando no seu acordo co PNV unha parte de España decidiu sobre as competencias (neste caso de tráfico) doutra autonomía (neste caso Navarra) e acordou con ERC "unha consulta á cidadanía de Catalunya, non a todos os españois, para validar as medidas en que se materialicen os acordos aos que chegue a mesa bilateral entre o goberno de España e o govern da Catalunya".

4. Se cando anunciou un "novo tempo para España" se debe a que o seu goberno pretende cambiar a nosa Constitución (e con ela o noso sistema político e os principios básicos da nosa democracia) de maneira subrepticia, sen seguir as canles previstas nos artigos 166 e seguintes da nosa Carta Magna e sen que poidan opinar todos os españois.

5. Se a súa afirmación de que "se aplicará un cordón sanitario ás ideas" e a súa intención de poñer en marcha unha estratexia nacional de loita contra a desinformación significará un control por parte do goberno dos medios de comunicación, (posto que o Sr. Iglesias considera que "a existencia de medios de comunicación privados ataca a liberdade de expresión") e a exclusión do debate daqueles que discrepen do goberno.

6. Se a súa intención de derrogar a LOMCE leva implícita a eliminación do ensino concertado no noso país (tal e como o Sr. Iglesias propuxo en diversas ocasións) e a supresión da liberdade dos pais e nais, recoñecida na Constitución e avalada por diferentes sentenzas do TC, de elixir aquel modelo educativo que mellor se adapte ás súas crenzas e forma de vida.

III. Instar a todos os grupos parlamentarios do Congreso a que os seus deputados e deputadas, como representantes de toda a cidadanía española, presenten unha moción para rexeitar a actuación do presidente do Goberno. Un presidente do Goberno que pactou con aqueles partidos que buscan romper a unidade española e acabar coa democracia e o Estado de Dereito vixentes no noso país.

IV. Trasladarlles este acordo a todos os grupos parlamentarios do Congreso e á Comisión de Peticións do Congreso, en virtude do artigo 77 da CE.

INTÉRPRETE LINGUAXE DE SIGNOS NOS PLENOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Acordo:

1º.- Solicitar da Deputación Provincial que realice os trámites oportunos para a posta en marcha deste servizo, tanto presencial nos plenos como na emisión destes a través de streaming.

2º.- Co obxectivo de que esta medida sexa o máis efectiva posible, solicitar o contacto permanente e as reunións necesarias coas asociacións existentes nesta provincia destes colectivos, para que poidan dar traslado das súas propostas a esta Deputación para a mellora da implantación dos servizos necesarios.

3º.- Instar á Deputación Provincial que promova cursos de formación de linguaxe de signos no ámbito do persoal ao servizo tanto da institución como de tódolos concellos da provincia, de maneira que se garanta o acceso á formación e á comunicación das persoas con discapacidade.

MELLORA DA ESTRADA OU-540

Acordo:

1º.- Instar á Xunta de Galicia para que inclúa no proxecto de mellora da estrada OU-540 que está a tramitar, as variantes de Bande e Verea.

2º.- Darlles traslado deste acordo ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia, á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a todos os plenos dos concellos das comarcas de Celanova e a Baixa Limia.

3º. Instar á Xunta de Galicia á redacción, coa máxima celeridade, do proxecto de reforma da estrada OU-540, no treito comprendido entre Celanova e a fronteira portuguesa, de tal xeito que se contemple para próximos investimentos a construción das variantes de Bande e Verea, previa negociación do seu trazado con estes concellos, dado que son os máis directamente afectados.

4º. Dar traslado deste acordo ao Consello de Goberno da Xunta de Galicia, á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, e a tódolos plenos dos concellos das comarcas de Celanova e a Baixa Limia.

5º.- Que se execute a segunda fase da estrada OU-540, desde o remate da actual autovía en Celanova (Casal do Bispo), ata a fronteira da Madalena, no límite do concello e Lobios, tal como estaba contemplado no decreto 396/2009, do 8 de outubro, polo que se declarou a utilidade pública e se dispuxo a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado do eixo de comunicación A-52 fronteira portuguesa. Treito I VAC a-52- Celanova Sur e treito II Celanova Sur-Fronteira portuguesa.

6º.- Planificación do parque empresarial previsto no plan de solo Empresarial de Galicia para a Baixa Limia, como infraestrutura comarcal estruturante.

7º.- Elaboración e execución do plan territorial integrado que estableza as condicións para o desenvolvemento integral da comarca, tal como se recolle nas directrices de Ordenación do territorio de Galicia.

8º.- Instar á Xunta de Galicia, que faga real a súa aposta polo rural, e finalice o tramo da autovía AG-31 ata a fronteira portuguesa.

XESTIÓN PÚBLICA E DIRECTA DO FUTURO CAPD DE OURENSE

Acordo:

1º.- O Pleno insta á Xunta de Galicia a que garanta por escrito que o centro público será de xestión exclusivamente pública directa.

2º.- O Pleno insta á Xunta de Galicia a comprometer unha partida de crédito nos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia que garanta a súa xestión pública directa a través da contratación de persoal público. Dispoñendo os fondos precisos para poñer en funcionamento cando rematen as obras o servizo público directo, tanto para o pago da contratación de persoal como para dotar do equipamento preciso as instalacións e non ter que agardar un ano a maiores desde a finalización das obras.

3º.- O Pleno insta á Xunta de Galicia a realizar unha convocatoria urxente dun concurso oposición para a selección inmediata de persoal que garanta a dispoñibilidade de persoal público cualificado nada máis rematen as primeiras fases do proxecto.

4º.- O Pleno insta á Xunta de Galicia a garantir a participación efectiva da plataforma social no proceso de construción do novo CAPD de Ourense, para garantir que se acometa conforme as demandas acordadas así como a garantir que o futuro centro de atención ás persoas con discapacidade (CAPD) de Ourense será de xestión exclusivamente pública e directa.